Concello de Sanxenxo - A POLICÍA LOCAL REXISTROU NO QUE VAI DE ANO 581 OBXECTOS PERDIDOS E 192 FORON XA DEVOLTOS AOS SEUS PROPIETARIOS
T: 986 72 00 75 - F: 986 72 10 22  | 
Concello de Sanxenxo

Novas

 

Os propietarios teñen 24 meses para reclamalos na xefatura policial e demostrar que son seus.

 

Sanxenxo, 3 de outubro de 2025.- A Policía Local rexistrou no que vai de ano 581 obxectos perdidos, 192 foron xa devoltos aos seus propietarios ben pola súa propia reclamación ou porque os axentes lograron localizalos a través dos seus datos de identificación. O resto continúa a bo recaudo nas dependencias policiais á espera de que apareza o seu dono. Alí permanecerán ata un máximo de 24 meses antes de seren destruídos ou doados a algún colectivo social.

 

Carteiras con diñeiro, tarxetas bancarias, permisos de condución, teléfonos móbiles, ordenadores ou tabletas, tarxetas sanitarias, bicicletas e patinetes, xoias, diñeiro en efectivo, lentes, maletas con roupa e mesmo un audífono son algúns dos obxectos perdidos entregados, na maioría dos casos, por persoas. No caso dos teléfonos móbiles déixanse acendidos todo o tempo posible e na maioría dos casos son os propios propietarios quen chaman para recuperalos, mais non se entregan mentres non introduzan o contrasinal que demostra que é seu.

 

En canto ás zonas máis frecuentes de perdas, o Paseo de Silgar e a zona portuaria de Sanxenxo son dous dos puntos quentes, espazos que coinciden coa maior concentración de persoas durante o verán, pero tamén os espazos públicos de Portonovo son zonas habituais de extravíos. En xeral, se alguén se decata da perda recorre á Policía chamando ao teléfono 986 727 072; se hai algún obxecto coas características indicadas, acoden á xefatura situada en Miraflores para realizar a comprobación e recuperalo.

 

Os meses con máis obxectos extraviados coinciden cos de maior actividade turística. En agosto recolléronse 214 e en xullo 157, fronte ao mes de xaneiro no que chegaron ás dependencias policiais 15. Desde a Policía sinalan que este verán se detectaron menos perdas nos areais respecto a anos anteriores e tamén menos chaves.

0
0
0
s2sdefault