Concello de Sanxenxo - SANXENXO PÓN EN MARCHA MAÑÁ O SEU PRIMEIRO CAMIÑO ESCOLAR SEGURO NO COLEXIO DE A FLORIDA
T: 986 72 00 75 - F: 986 72 10 22  | 
Concello de Sanxenxo

Novas

Alumnos de 5º de Primaria, acompañados de profesoras, un policía local e os edís de Educación e Seguridade Cidadá simularon o traxecto

Sanxenxo, 28 de outubro de 2025.- Sanxenxo implanta mañá o seu primeiro Camiño Escolar Seguro co alumnado do colexio de A Florida. A iniciativa ponse en marcha a través das concellarías de Educación e de Seguridade Cidadá e Emerxencias. O obxectivo é crear contornos escolares con menos vehículos particulares, así como facilitar a autonomía e favorecer a socialización dos escolares.

Alumnado de 5º de Primaria simulou esta mañá parte do traxecto acompañados do policía local, Abelardo Martínez, experto en seguridade viaria; profesores do centro; os concelleiros Nati Parada e Xoán Pérez, e a presidenta da ANPA, Paloma Otero, para repasar os cruces, os percorridos e a identificación dos locais colaboradores aos que poderán acudir en caso de necesitar axuda. Nos pasos de peóns pintáronse catro pictogramas para lembrar as normas antes de cruzar: 1. Para 2. Mira 3. Vehículo parado 4. Cruza.

Ademais, durante as últimas semanas habilitáronse seis puntos de encontro con sinais identificativas para facilitar que o alumnado se desprace en grupos en función do lugar onde viva: Cruce Rúa Ourense-Rúa Progreso, Rúa Madrid (Concello), Cruce Rúa Cesteiros-Progreso, Avenida de León (Praia A Carabuxeira), Rúa Miraflores e Camiño de A Carabuxeira.

Na iniciativa tamén colaboran unha trintena de establecementos e locais comerciais, identificados a través de pegatinas en lugares visibles dos seus escaparates, a onde os escolares poden acudir se necesitan axuda durante o seu traxecto ao colexio.

A Policía Local controlará os percorridos durante as primeiras semanas e algúns pais e nais colaborarán nalgúns dos traxectos. A idea é seguir implantando os Camiños Escolares Seguros noutros centros educativos nos próximos cursos escolares.

0
0
0
s2sdefault