Sanxenxo, 29 de outubro de 2025.- A exposición “Ecos do Tempo” da artista Berta Lima Milla inaugúrase este domingo 2 de novembro, ás 18 horas, na Sala Nauta de Sanxenxo. Municipio que a súa nai, Milagros, escolleu para vivir e ao que esta mostra rende unha sentida homenaxe.
A exposición permanecerá aberta ao público ata o 15 de novembro. “Ecos do Tempo” é unha exposición que une pintura e literatura, dúas linguaxes coas que a autora dá forma aos recordos, ás raíces e ás emocións. A mostra reúne unha selección de obras inspiradas nos seus libros Recuerdos, dedicado aos seus netos, e Milagros, escrito como tributo á súa nai, tecendo un diálogo entre a arte, a memoria e os afectos.
Ademais do seu valor artístico e persoal, o proxecto ten un fin solidario, xa que o 10% da venda dos cadros destinarase a Aldeas Infantís SOS Galicia, reafirmando o compromiso da autora coas causas sociais e co poder transformador da arte. A exposición conta coa colaboración do Concello de Sanxenxo e enmárcase na estratexia cultural impulsada pola Concellaría de Cultura coa que se busca achegar a creación artística á cidadanía, fomentar o talento local e poñer en valor a conexión entre arte, memoria e territorio.