Concello de Sanxenxo - O PAZO DO NADAL ABRE ESPAZO Á CULTURA URBANA CO ENCONTRO DE MÚSICA URBANA DE VELLA ESCOLA
T: 986 72 00 75 - F: 986 72 10 22  | 
Concello de Sanxenxo

Novas

O obradoiro “De nais a fillas. Receitas para non esquecer… no Nadal” contará coa presenza das autoras do libro

Sanxenxo, 11 de decembro de 2025.- O Pazo do Nadal continúa consolidándose como un dos grandes espazos culturais e de lecer destas festas, cun programa municipal deseñado para todas as idades: público infantil, adolescente, mocidade e persoas adultas. Nesta liña, o Concello incorpora ao calendario o Encontro de Música Urbana de Vella Escola, unha das citas especificamente dirixidas á mocidade e ao público adolescente, incluíndo tamén aquelas persoas que atopan na cultura urbana a súa forma de expresión e identidade.

A actividade contará con shows, obradoiros participativos, beatbox, breakdance, freestyle, street art e unha batalla de galos, ofrecendo unha visión completa da Cultura Urbana contemporánea e creando un ambiente dinámico, seguro e inspirador. A entidade galega Vella Escola, referente na organización de eventos e obradoiros de Cultura Urbana, achegará ao Pazo do Nadal unha proposta que combina formación, espectáculo e participación activa. A súa traxectoria e conexión coa mocidade converten este encontro nunha oportunidade para descubrir talento local e vivir de preto disciplinas que están a transformar a escena cultural actual.

Con actividades dirixidas ao público infantil, familiar, xuvenil e adulto, o Pazo do Nadal reafirma o compromiso do Concello de Sanxenxo coa creación dun espazo plural, diverso e accesible, capaz de responder a intereses moi diferentes dentro dun mesmo recinto.
Ademais, durante toda a fin de semana, venres, sábado e domingo, de 17 a 20 horas, os máis pequenos e pequenas poderán gozar do espazo Xogos de Nadal, unha área especialmente pensada para eles, con xogos tradicionais, xogos de mesa e propostas participativas que fomentan a creatividade e o xogo en familia.
E o domingo ás 17 horas, o recinto recibirá a visita moi especial do Trasno Fantástico, unha das personaxes máis queridas polos nenos e nenas nestas datas, que encherá o Pazo do Nadal de maxia, humor e ilusión.

Un obradoiro con memoria, identidade e legado

O Pazo do Nadal converterase o próximo domingo, 14 de decembro, ás 13 horas, nun escenario singular para celebrar unha das actividades máis especiais desta edición: o obradoiro “De nais a fillas. Receitas para non esquecer… no Nadal”, protagonizado por algunhas das mulleres máis influentes da gastronomía galega das últimas décadas.

Estas cociñeiras e hostaleiras, auténticas pioneiras da cociña profesional en Galicia, forman parte do proxecto editorial “De nais a fillas. Receitas para non esquecer”, publicado por Hércules de Edicións. O libro é moito máis que un receitario: é un recoñecemento á memoria gastronómica transmitida de xeración en xeración e unha reivindicación das mulleres que, desde os anos sesenta, sosteron e transformaron a restauración galega, moito antes de que a visibilidade e o prestixio do sector fosen comparables aos actuais.

Entre as protagonistas figuran referentes como Toñi Vicente, considerada a primeira cociñeira galega en acadar unha Estrela Michelin; Manicha Bermúdez, Chus González, Maricarmen Rodríguez, Eva Burgos, Ana Gago, Carlota Iglesias, Teri Carballa ou Loli Barreiro, entre outras. Todas elas representan unha xeración que abriu portas, modernizou técnicas, dignificou a profesión e asentou as bases do que hoxe coñecemos como “nova cociña galega”.

O encontro permitirá ao público descubrir a esencia dun libro que reúne máis de 250 páxinas de receitas tradicionais, historias vitais e testemuños que poñen rostro e voz ás mulleres que mudaron a cociña galega desde dentro, sen apenas recoñecemento institucional durante décadas.

O obradoiro pretende ser tamén unha homenaxe interxeracional: de nais a fillas, de mestras a aprendices, de tradición a futuro. Unha oportunidade única para escoitar, aprender e celebrar o legado das mulleres que fixeron posible que a gastronomía galega acade hoxe o seu máximo esplendor.

0
0
0
s2sdefault