Concello de Sanxenxo - O AUDITORIO RETOMA A SEGUNDA EDICIÓN DO PROGRAMA “SANXENXO NO FOCO” CON TRES PROPOSTAS CULTURAIS
T: 986 72 00 75 - F: 986 72 10 22  | 
Concello de Sanxenxo

Novas

Os fabulosos cleaners, Verso a verso e Bernarda xa contan coas entradas á venda en Ataquilla

Sanxenxo, 9 de xaneiro de 2026.- O Auditorio Emilia Pardo Bazán retoma, por segundo ano consecutivo e tras o éxito da primeira edición, o programa “Sanxenxo no foco” con tres propostas culturais para este mes de xaneiro. O obxectivo que persegue a Concellería de Cultura e Eventos, dirixida por Elena Torres, é ofrecer unha proposta enriquecedora e accesible para todos os públicos, a través de eventos artísticos de calidade que inclúan música, teatro, danza, cine e actividades educativas.

A programación arrinca o vindeiro sábado, 17 de xaneiro, ás 18 horas, con Os fabulosos cleaners, un espectáculo de pompas de xabón para todos os públicos. Unha experiencia visual extraordinaria para toda a familia. Dúas limpadoras de teatro descobren por casualidade as posibilidades que ofrecen as súas ferramentas de traballo combinadas con auga e xabón. A partir de aí, as personaxes embarcaranse nun emocionante viaxe guiadas polas fantásticas pompas. O público sorprenderase e gozará destas máxicas pompas: transparentes, con fume, con vapor, pequenas, grandes, estáticas ou voadoras polo escenario. A entrada xa se atopa á venda en Ataquilla por 5 euros.

O sábado 24 de xaneiro, Charo López chega ao Auditorio de Sanxenxo co recital de lírica e poesía xunto a Luis Santana e o mestre Víctor Carbajo. O fío condutor de “Verso a verso” correrá a cargo da actriz española Charo López. A parte vocal corresponderá ao barítono Luis Santana, un dos barítonos españois máis cotizados, especializado na interpretación dos clásicos da música española. Parte integrante desta homenaxe á poesía será o mestre Víctor Carbajo, que acompañará aos artistas ao longo do recital. As entradas están á venda en Ataquilla por 12 euros.

A obra de teatro Bernarda porá o broche de ouro á programación do mes de xaneiro no Auditorio, o día 31 de xaneiro, ás 20:30 horas. A historia, con texto orixinal de Xosé Prieto, está ambientada nun pequeno pobo de Galicia en 1975. Bernarda queda viúva o mesmo día da morte de Franco. Quédanlle dúas fillas novas e xemelgas. Bernarda decreta un rigoroso loito. Durante dous anos non poderán ver a televisión, nin escoitar a radio, nin ler revistas. Durante dous anos só poderán saír da casa para ir á igrexa, á tenda ou ao cemiterio. Durante dous anos as contraventás deberán permanecer pechadas día e noite. Fóra, a sociedade da Transición está a cambiar. Dentro, Bernarda fai todo o posible para que eses cambios non entren na súa casa. As entradas están á venda en Ataquilla por 5 euros.

0
0
0
s2sdefault