O novo equipamento substituirá a deteriorada pista de fútbol que se sitúa no espazo
Sanxenxo, 12 de xaneiro de 2026.- A obra de humanización da contorna do pavillón de Baltar arrancou esta mañá co inicio do levantamento do pavimento do deteriorado campo de fútbol, que se converterá nun novo circuíto de pump track. Trátase dunha pista na que se poderán practicar diferentes disciplinas de nivel avanzado cun percorrido de 84,80 metros. Está composta por un trazado de cinco rectas con diferentes perfís e cinco curvas formando peraltes, que se poderá percorrer completamente cunha bicicleta sen necesidade de pedalear e unicamente a través de impulsos.
Dentro deste espazo inclúese unha zona para descanso, descompresión ou quecemento conectada por dous puntos diferentes ás pistas do pump track. Nesta zona sitúase a área de descanso con aparcabicis. Dado o tipo de circuíto, o deseño do proxecto requirirá a realización de probas por parte de bikers durante a súa execución, comprobando así a súa adecuación aos requisitos que se esperan dun circuíto desta natureza.
A empresa Narom é a encargada de realizar os traballos por un importe de 240.648 euros, cos que se busca potenciar a zona de equipamento deportivo de Baltar e integrar todas as zonas verdes baixo unha mesma estética. A actuación inclúese dentro do Plan +Provincia da Deputación de Pontevedra.
Con este fin formúlase a intervención da parte dianteira do pavillón como un proxecto paisaxístico que conecte coa zona verde do Centro de Día, xerando zonas de estancia sensiblemente planas na base do noiro e no encontro entre os dous espazos coa soleira do pavillón. A actuación inclúe a instalación de bancos de formigón prefabricado con zonas de asento en madeira maciza e unha zona de pavimento duro pola que se poida camiñar.
Na parte exterior traseira do pavillón formúlase unha senda realizada en zahorra cemento, ideal para a práctica deportiva, e unha zona central na que se colocará unha estación de adestramento. Tamén se formula unha nova sementeira de céspede natural, respectando a arboreda existente.
No xardín interior do Centro de Día instalarase un toldo sobre unha zona de soleira de formigón. Na zona verde de maior tamaño formúlase a colocación de mesas e a xeración de zonas de estancia temporais. Na zona de céspede de menor tamaño formúlase unha pequena pista de chave. En canto á edificación, debido ao mal estado da cuberta de metacrilato situada á saída do Centro de Día, formúlase a súa substitución por unha de chapa tipo panel sándwich e a execución dun novo peche metálico que limite a zona das instalacións con respecto á zona verde, así como a inclusión dunha nova porta de comunicación entre as dúas zonas verdes dianteiras.
Como equipamento formúlase a colocación do mesmo tipo de banco prefabricado de formigón con zonas de asento en madeira, dispostos na zona de céspede adxacente á circulación. A iluminación de todas as zonas verdes realizarase co mesmo tipo de báculo LED, de xeito que se unifique a imaxe final das intervencións.