Foron recibidos polo alcalde, Telmo Martín, e a concelleira de Educación, Nati Parada, no Salón de Plenos
Sanxenxo, 14 de xaneiro de 2026.- Un día de clase diferente. Alumnos e alumnas de 1º, 2º e 3º de Primaria do CEIP Nantes visitaron esta mañá o Concello de Sanxenxo. O alcalde Telmo Martín e a concelleira de Educación, Nati Parada, foron os encargados de recibilos no Salón de Plenos, onde tiveron a oportunidade de formularlles algunhas peticións para a súa parroquia, como máis parques ou un circuíto de motocross. “Estudaremos todas as propostas que nos facedes e, se podemos, cumprirémolas”, asegurou o alcalde. Os 24 nenos e nenas sentáronse nas cadeiras que ocupan os membros da Corporación municipal e repasaron as funcións dos plenos, o significado das bandeiras…
O alumnado tamén coñeceu o departamento do Padrón, onde están rexistrados todos os veciños do municipio, e onde se interesaron polo número de nenos que viven en Sanxenxo, e saudaron á concelleira de Economía, Facenda e Persoal, Paula Martínez, para logo visitar a oficina de Turismo no porto deportivo de Sanxenxo. Alí o concelleiro de Turismo e Praias, Juan Deza, explicoulles a importancia do municipio como destino turístico e os espazos máis visitados cada ano, así como os recursos paisaxísticos e patrimoniais.
Trátase da primeira visita de escolares deste ano ao Concello de Sanxenxo e enmárcase dentro do temario de estudo de Primaria.