Concello de Sanxenxo - O CONCELLO E A DEPUTACIÓN ASINAN O CONVENIO PARA A MELLORA DA SEGURIDADE VIARIA NA ESTRADA DE ADINA E NA RÚA DO RÍO
T: 986 72 00 75 - F: 986 72 10 22  | 
Concello de Sanxenxo

Novas

A intervención está valorada en 920.000 euros e actuarase nun treito de case 200 metros

Sanxenxo, 5 de febreiro de 2026.– Mellorar a seguridade viaria e a mobilidade peonil na estrada provincial EP-9206 entre Portonovo e A Vichona e na Rúa do Río. Estes son os dous obxectivos que Concello e Deputación perseguen co convenio asinado esta mañá no Salón de Plenos ante diversos colectivos de Portonovo. A actuación está valorada en 920.000 euros, dos cales o ente provincial achega o 70 % e o 30 % restante o Concello.

O alcalde, Telmo Martín, agradeceu a “sensibilidade” da Deputación de Pontevedra cunha “intervención moi demandada e necesaria nun treito e nun contorno no que hai un colexio e dous núcleos de poboación, Outeiro e A Igrexa, cun importante tráfico peonil”. Tamén agradeceu as cesións dos veciños, “sen eles non poderiamos facer esta mellora”.

O proxecto contempla tres treitos de actuación:

Zona 1: A EP-9206 desde o PEI9 ata a intersección co Camiño de Pombal de Abaixo. Proponse a execución de novos treitos de beirarrúas pola marxe esquerda, onde non existen, cun ancho mínimo de 2,5 metros e prazas de estacionamento.

Zona 2: Rúa do Río desde a intersección coa PO-308 ata a intersección coa Rúa Barbeito. Crearase unha zona de convivencia elevada 12 centímetros respecto da rasante actual, con redutores de velocidade.

Zona 3: Rúa do Río desde a intersección coa Rúa Barbeito ata a EP-9206. Dende o final da zona de convivencia e ata o final da Rúa do Río, manterase un único carril de circulación e levarase a cabo a construción de dúas sendas peonís a nivel (unha en cada marxe), executadas en formigón, cun ancho mínimo de 2,5 metros, que discorrerán paralelas á marxe dereita. Na parte superior disporanse aparcadoiros en liña.

“Visitamos Sanxenxo, concello de referencia tanto en turismo como en calidade dos servizos e infraestruturas, para asinar un convenio que atende unha demanda histórica e permitirá executar un proxecto complexo, pero que ao ter enriba da mesa un alcalde como Telmo Martín faise máis doado”, afirmou Luis López.

“A Deputación seguirá ao carón de concellos como o de Sanxenxo para seguir mellorando tanto a rede viaria como o resto de infraestruturas e servizos, sempre en colaboración cos gobernos locais”, concluíu López.


0
0
0
s2sdefault