Concello de Sanxenxo - O CONCELLO PROPÓN A AMAZING UP INXENIERÍA INTERACTIVA DO OCIO PARA EXECUTAR A MUSEOGRAFÍA DE A TELLEIRA
T: 986 72 00 75 - F: 986 72 10 22  | 
Concello de Sanxenxo

Novas

Sanxenxo, 12 de febreiro de 2026.- O Concello de Sanxenxo acaba de propoñer a Amazing Up Inxeniería Interactiva do Ocio para executar a museografía de A Telleira por 133.100 euros. O obxectivo que se persegue tras a reforma integral do edificio, a posta en valor do exterior e a creación dunha zona de estacionamento ordenado é poñer en valor o patrimonio etnográfico e natural da contorna máis próxima e de As Telleiras e o ecosistema de todo o complexo intermareal Umia-O Grove.

A museografía do centro sustentarase nunha diversidade de soportes gráficos que desempeñarán un papel crucial ao permitir unha visualización detallada e atractiva dos ecosistemas, facilitando a comprensión da relación entre o territorio e a súa flora e fauna.

A continuación, detállanse os elementos gráficos a incorporar e a súa xustificación en cada sección do esquema:
• Mapa detallado da zona: un mapa a grande escala que destaque a localización xeográfica do complexo, incluíndo os seus límites e áreas protexidas. Este mapa axudará aos lectores a situarse e a comprender a extensión do territorio abarcado.
• Diagramas xeolóxicos: gráficos que mostren a formación xeolóxica da rexión, incluíndo a distribución de sedimentos, tipos de solo e estruturas xeolóxicas subxacentes. Estes diagramas facilitarán a comprensión de como se formou o terreo e como inflúe nos ecosistemas actuais.
• Esquemas hidrolóxicos: imaxes que expliquen o fluxo das correntes de auga, tanto fluviais como oceánicas, e a súa influencia na creación e mantemento dos esteiros e marismas.
• Mapas de áreas protexidas: gráficos que superpoñan as designacións RAMSAR e ZEPA sobre o mapa do complexo, destacando as zonas específicas baixo protección e explicando as razóns destas designacións.
• Ilustracións históricas e esquemáticas: debuxos e fotografías históricas das telleiras en funcionamento, así como diagramas que expliquen o proceso de extracción de arxila, modelado e cocción de tellas e ladrillos.

• Infografías de ecosistemas: gráficos que mostren os diferentes tipos de ecosistemas presentes no complexo (marismas, esteiros, bancos de area, etc.) e as súas características distintivas.
• Diagramas de cadeas tróficas: imaxes que representen as relacións alimentarias entre as especies do complexo, destacando a biodiversidade e a interdependencia entre flora e fauna.

No exterior colocaranse paneis interpretativos en puntos estratéxicos do, dado que hai certa información que ofrece beneficios in situ, como as diferentes especies de flora e fauna que podemos atopar. De cara a un usuario que aprende no interior da fábrica e logo sae a observar as chairas, e a intentar identificar algunhas das especies anteriormente vistas na exposición, sería ideal que tivese un par de paneis de identificación de especies típicas.

Cómpre lembrar que o Concello continúa coa rehabilitación integral do edificio cun orzamento de 759.940 euros financiado a través dos fondos Next Generation. O obxectivo primordial desta reforma é transformar o edificio, construído en 2003 e cunha superficie de 2.504 metros cadrados, nun modelo de eficiencia enerxética.

Estase a implementar unha compartimentación espacial interior que permitirá unha climatización independente e a instalación de sistemas de ventilación e climatización de máxima eficiencia. Ademais, melloraranse os sistemas de illamento e drenaxe, e optimizarase a iluminación con tecnoloxías de baixo consumo.

O proxecto tamén contempla unha reordenación do espazo interior para albergar unha sala de exposición permanente de 843 metros cadrados, unha sala multiusos de 53,56 metros cadrados, un espazo para obradoiros de interpretación e un almacén.

Ademais, o edificio contará cun centro de documentación, unha sala audiovisual e unha sala de exposición itinerante de 196 metros cadrados, cunha tenda temática e outras áreas como aseos, oficinas e un pórtico.

No exterior, habilitarase un pequeno aparcadoiro delimitado para mellorar a organización da contorna.

0
0
0
s2sdefault