Hai dispoñibles amarres para xullo. Os titulares das reservas son do territorio nacional
Sanxenxo, 13 de febreiro de 2026.- En apenas tres días desde a data de apertura, o porto deportivo Juan Carlos I de Sanxenxo quedou sen amarres dispoñibles para o mes de agosto. O alto nivel de reservas obrigou á sociedade municipal Nauta Sanxenxo a colgar o cartel de completo para este período e habilitar unha lista de espera. Os titulares destas reservas, de como mínimo unha quincena, son do territorio nacional. Aínda hai dispoñibles amarres para xullo e prazas para motos de auga.
O porto deportivo de Sanxenxo conta cunha superficie concesional de 123.222 metros cadrados. As súas instalacións comprenden unha lámina de auga de 90.000 metros cadrados, 450 puntos de amarre e máis de 25.000 metros cadrados de espazo peonil. Aos amarres de alugueiro estival e anuais fixos súmanse as concesións e os amarres variables para o tránsito de embarcacións.
O porto dispón dunha bocana de 50 metros e un calado que oscila de 5 a 8 metros e 450 amarres de entre 8 e 45 metros. Os servizos inclúen travel-lift, internet wifi en pantaláns, recollida de todo tipo de residuos, vixilancia 24 horas, acceso restrinxido a pantaláns e outros. Nauta Sanxenxo tamén ten 3.000 m² de espazo comercial e 380 prazas de estacionamento.