A administración local solicitou unha subvención ao Agader para afrontar a actuación, que ten un custo de case 60.000 euros
Sanxenxo, 13 de febreiro de 2026.- Tras un investimento de case 150.000 euros na reforma integral da Casa de Cultura de Nantes, o Concello quere agora realizar unha importante actuación para mellorar a accesibilidade do espazo: dotar o edificio dun ascensor que comunique a planta baixa coa planta superior. Na actualidade, a comunicación entre ambas as plantas realízase unicamente mediante escaleiras, o que supón unha barreira arquitectónica para:
• Persoas maiores e persoas con mobilidade reducida.
• Usuarios que empregan bastón, andador ou cadeira de rodas.
• Persoas con enfermidades crónicas, limitacións físicas temporais ou sensoriais.
Esta situación limita o acceso pleno aos servizos do centro, impedindo que unha parte significativa da poboación poida beneficiarse de todas as actividades ofertadas.
Dadas as características do inmoble e despois de valorar distintas opcións, apóstase por colocar o ascensor adosado á fachada do edificio no lateral dereito do soportal, aproveitando o oco de ventá existente próximo á escaleira.
O prazo de execución da obra é de dous meses.