Realizaranse tamén inspeccións sonométricas in situ en industrias, vivendas ou calquera actividade que poida producir molestias por ruídos
Sanxenxo, 13 de xaneiro de 2026.- Sanxenxo quere acabar co exceso de ruídos que impiden o descanso e prexudican a saúde, fomentando a convivencia nos espazos públicos e a calidade de vida. Con este obxectivo, o Concello de Sanxenxo contratou os servizos dunha consultora técnica en acústica, Virocem, para mellorar a través dunha plataforma o control da contaminación acústica nos locais de ocio nocturno. Espazos que, pola tipoloxía de negocio, están obrigados a ter sonómetros e limitadores de volume que deberán conectarse á plataforma, desde onde se comprobará en tempo real a situación, extraer informes periódicos e aplicar as medidas correctoras e sancionadoras.
Pero o control do ruído non só se circunscribe aos locais de ocio nocturno. Realizaranse inspeccións periódicas en industrias ou calquera actividade que poida provocar molestias por contaminación acústica. Tamén se farán medicións in situ e estudaranse as medidas correctoras para a elaboración do proxecto acústico co fin de mellorar a acústica de pavillóns, salas de ensaio, oficinas…
O contrato con Virocem inclúe un control exhaustivo das zonas onde se concentren os locais de ocio e, no caso de clasificarse como Zonas Acusticamente Saturadas, realizarase un plan de acción co fin de corrixir os niveis de ruído aos que están expostos os veciños destas zonas.
Finalmente, proporcionaranse fichas coas esixencias de acordo coa normativa en vigor das actividades máis comúns como cafeterías, restaurantes, pubs e supermercados.