O prazo para solicitar praza vai do 19 de febreiro ao 6 de marzo, ambos incluídos. Posteriormente, as persoas admitidas deberán formalizar a matrícula entre o 18 e o 29 de maio.
Sanxenxo, 18 de febreiro de 2026.- As dúas gardarías municipais, O Tombo e O Revel, dispoñen de 121 prazas para nenos e nenas de entre 1 e 3 anos. Destas prazas, 61 xa están ocupadas por menores que actualmente teñen 1 e 2 anos, polo que manterán a súa praza no novo curso. As outras 60 prazas, 19 en O Tombo e 41 en O Revel, son as dispoñibles para o curso 2026/27, para as que agora se abre o prazo de inscrición.
As solicitudes poden presentarse na sede electrónica do O.A. Terra de Sanxenxo (https://terradesanxenxo.sedelectronica.gal) mediante DNI electrónico, certificado electrónico ou o sistema de autenticación Cl@ve. Tamén se poderá tramitar no Rexistro do O.A. Terra de Sanxenxo (Casa do Concello, rúa Madrid, 1 – 36960 Sanxenxo) mediante formulario normalizado dispoñible na páxina web do concello e nas propias gardarías.
Unha vez publicadas as listas definitivas de persoas admitidas, será imprescindible presentar a matrícula entre o 18 e o 29 de maio, así como acreditar o cumprimento do calendario de vacinación infantil do programa galego de vacinación.
As dúas gardarías son gratuitas para as familias e teñen un custo anual de 771.000 €, dos que a Xunta achega 127.000 € e o resto, 645.000 €, finánciao o Concello de Sanxenxo. Ademais, o comedor, que non utilizan todos os nenos e nenas, é cofinanciado polo Concello en función da renda das familias.