Sanxenxo sumou 2,5 millóns de pernoitas, superando a cidades como San Sebastián, Bilbao e Santiago de Compostela.
Sanxenxo, 20 de xaneiro de 2026.- Os datos do Big Data telefónico e de Exceltur confirman o liderado de Sanxenxo no norte, con 770.940 viaxeiros que sumaron 2.505.154 pernoitas ao longo de 2025.
Ademais, a capital turística das Rías Baixas recibiu 2.215.075 visitantes de día: praias, gastronomía, paseos, compras, lecer nocturno e outras actividades.
Datos na tempada alta, de xuño a setembro (ambos incluídos):
• Viaxeiros con pernoita: 509.052
• Pernoitas: 1.962.858
• Visitantes de día: 1.315.187
Datos na tempada baixa, de outubro a maio:
• Viaxeiros con pernoita: 261.888
• Pernoitas: 542.296
• Visitantes de día: 899.888
O verán segue concentrando o maior número de viaxeiros e pernoitas, e así será sempre, porque é o período do ano no que a gran maioría dos españois collen as súas vacacións. Con todo, a tempada baixa cada vez ten máis peso, con 261.888 viaxeiros e 542.206 pernoitas.
Sanxenxo é o destino turístico líder do norte peninsular, e xa quedaron atrás os tempos nos que o seu liderado se limitaba ao verán. Grazas aos datos do Big Data e de Exceltur coñécense os viaxeiros e as pernoitas nos distintos tipos de aloxamento durante os doce meses do ano.
O Atlas Municipal do Turismo de Exceltur, na súa última edición de 2024 publicada en 2025, sitúa a Sanxenxo no posto 46 entre os 500 municipios turísticos máis importantes de España, con 26.551 prazas de aloxamento, unha cifra que actualmente xa foi superada. Sanxenxo é o único destino do norte entre os 50 primeiros a nivel estatal; séguenlle San Sebastián no posto 67, Bilbao no 75 e Santiago de Compostela no 92.