Coñecerán o Centro Gastronómico das Rías Baixas cunha visita guiada
Sanxenxo, 23 de febreiro de 2026.- Sanxenxo será sede do Seminario de árbitros de Primeira e Segunda División que se celebra por primeira vez en Galicia. O árbitro galego Alejandro Muñiz Ruiz, que traballa desde hai cinco anos na Primeira División de fútbol de España, ofrecerá esta tarde unha charla aberta ao público no Auditorio Pazo Emilia Pardo Bazán. Unha cita que servirá de antesala ás dúas xornadas de actividade previstas no municipio e que terán o campo de fútbol municipal do Revel e o Hotel Carlos I como epicentro.
Un total de 66 árbitros e xuíces de liña de Segunda División realizarán mañá martes, 24, unha xornada técnica no campo do Revel, de 8 a 12 horas. A continuación, desprazaranse ao Pazo de Quintáns para gozar dunha visita guiada polo Centro Gastronómico Rías Baixas e, xa pola tarde, proseguir coa formación no Hotel Carlos I.
O xoves 26 será a quenda dos 60 árbitros e xuíces de liña de Primeira División que repetirán xornada técnica no campo do Revel con posterior visita guiada ao Pazo de Quintáns e xornada de formación pola tarde no hotel.
O concelleiro de Deportes, Voluntariado e Xuventude, Marcos Guisasola, destaca o potencial de Sanxenxo para acoller eventos deportivos nacionais e internacionais. “Sanxenxo é sede ideal para estas actividades porque temos instalacións deportivas e turísticas de calidade o que incrementou a actividade de forma exponencial nos últimos anos”, apunta Guisasola