O novo edificio contará cunha superficie total de 4.052 m² e está previsto que a obra se licite proximamente
Sanxenxo, 24 de febreiro de 2026.- O xerente da Área Sanitaria de Pontevedra e O Salnés, José Flores, mantivo unha reunión de traballo esta mañá co alcalde, Telmo Martín, en Sanxenxo, na que avanzaron na planificación para a ampliación e reforma integral do Centro de Saúde de Baltar, un proxecto clave para a atención primaria na zona.
Na reunión tamén participaron a subdirectora de Enfermaría de Atención Primaria da Área Sanitaria, Silvia Amoedo; o director de Recursos Económicos da Área Sanitaria, Vicente García Fernández; persoal do Centro de Saúde de Baltar e o arquitecto municipal.
Durante o encontro abordáronse os accesos previstos tras a ampliación co obxectivo de optimizar a funcionalidade das instalacións e garantir unha mellor accesibilidade de usuarios e profesionais.
A actividade asistencial manterase durante o período que duren as obras. O novo edificio contará cunha superficie total de 4.052 m² e está previsto que se licite proximamente.
O xerente da Área Sanitaria destacou a importancia da coordinación institucional para garantir que as novas infraestruturas sanitarias respondan ás necesidades reais da poboación. Pola súa banda, o alcalde de Sanxenxo destacou a colaboración entre administracións como elemento clave para mellorar os servizos públicos no municipio.
A planificación dos accesos ao novo Centro de Saúde de Baltar enmárcase no compromiso da Área Sanitaria de Pontevedra e O Salnés coa mellora continua das infraestruturas e coa prestación dunha atención sanitaria pública máis eficiente, accesible e centrada nas persoas