Concello de Sanxenxo - O CONCELLO COLABORA CON ACCIÓN CONTRA A FAME NUNHA ESCOLA INCLUSIVA DE EMPREGO EN MAQUINARIA FORESTAL
T: 986 72 00 75 - F: 986 72 10 22  | 
Concello de Sanxenxo

Novas

Un total de 20 persoas iniciaron onte nunha parcela do parque empresarial de Nantes as prácticas do curso

Sanxenxo, 27 de marzo de 2026.- O Concello de Sanxenxo, a través da Concellería de Servizos Sociais, colabora con Acción contra a Fame cunha formación en maquinaria agrícola e forestal dentro das escolas inclusivas de emprego. Trátase dun curso de Operario de Maquinaria Agrícola e Forestal con formación en Prevención de Riscos Laborais, que deu comezo este luns e desenvolverase en horario de mañá durante toda a semana que vén.

A concelleira Paz Lago achegouse ata a parcela municipal do parque empresarial de Nantes onde esta mañá comezaron as prácticas xunto á responsable de Acción contra a Fame. O curso conta cun total de 15 participantes, todos eles migrantes acollidos en Sanxenxo que, tras varios días de formación teórica, esta mañá comezaron a poñer en práctica o aprendido.

Esta formación enmárcase nas Escolas Inclusivas de Emprego do sector Agrícola e Forestal do Salnés, unha iniciativa que Acción contra a Fame impulsa na comarca co obxectivo de mellorar as oportunidades laborais de persoas en situación de risco ou vulnerabilidade.

O curso ofrece unha formación completa como operario de maquinaria agrícola e forestal, incorporando tamén un módulo de iniciación á poda, co obxectivo de dotar aos participantes dunha preparación técnica máis ampla e axustada ás necesidades reais do sector.

Ademais, inclúe a formación específica en PRL, esencial para un desempeño profesional seguro segundo a normativa vixente. Desde Acción contra a Fame destacan que estas escolas inclusivas están deseñadas para favorecer o acceso ao emprego de persoas con maiores dificultades, reforzando as competencias profesionais demandadas e acompañándoas nun itinerario individualizado. Poden participar persoas desempregadas ou con interese no sector, priorizando a quen se atopen en situación de vulnerabilidade social ou laboral.

0
0
0
s2sdefault