Concello de Sanxenxo - O CONCELLO IMPULSA A SÚA APOSICIÓN POLA XUVENTUDE CO NOVO PROGRAMA TRANSVERSAL “SANXENXO XOVE”
T: 986 72 00 75 - F: 986 72 10 22  | 
Concello de Sanxenxo

Novas

A proposta, que implica ás áreas de Educación e Servizos Sociais, será dirixida desde a Concellería de Xuventude e Voluntariado

Sanxenxo, 10 de abril de 2026.- O Concello impulsa a súa aposta pola xuventude do municipio cun novo programa “Sanxenxo Xove”, dirixido desde a Concellería de Xuventude e Voluntariado, pero coa implicación das áreas de Educación e Servizos Sociais. A nova proposta municipal é unha resposta axustada ás necesidades da mocidade do municipio, estruturada en varios eixes de intervención que permitirán atender distintos perfís xuvenís desde un enfoque preventivo, educativo e inclusivo.

O deseño e desenvolvemento do programa realizao a Asociación Avante, con sede en Portonovo, en coordinación co Concello de Sanxenxo, aportando a súa experiencia en prevención, acompañamento socioeducativo e traballo comunitario coa poboación xuvenil. O programa diríxese á poboación xuvenil do municipio de Sanxenxo (de 12 a 30 anos), atendendo á diversidade de situacións persoais, sociais e vitais.

O programa estrutúrase en catro eixes de intervención, que responden a un perfil concreto de poboación xuvenil, permitindo unha intervención diferenciada, coordinada e adaptada ás características e necesidades de cada grupo:

Eixe 1 · Integración e acompañamento socioeducativo
Céntrase na creación e consolidación dun espazo lúdico, educativo e relacional, que favoreza a integración social, o desenvolvemento persoal e a adquisición de habilidades sociais, nun contorno seguro e estruturado dirixido á mocidade con necesidades específicas de apoio. Paralelamente, contempla un espazo de orientación a familias.

Eixe 2 · Xuventude en xeral, prevención e participación
Diríxese á xuventude en xeral do municipio, especialmente entre 12 e 20 anos, co obxectivo de reforzar a prevención, a participación e os estilos de vida saudables, mediante actuacións educativas, comunitarias e coordinación co tecido asociativo local. Prevénse programas en institutos, actividades xuvenís, accións dirixidas a familias e coordinación con asociacións e recursos de Sanxenxo.

Eixe 3 · Xuventude nova-adulta e inserción sociolaboral
Diríxese a mozos e mozas en procesos de transición á vida adulta, con especial atención a quen presentan maiores dificultades de acceso á formación, ao emprego ou á estabilidade persoal e social. Combina orientación, acompañamento e formación práctica, co obxectivo de mellorar a empregabilidade e facilitar a inserción sociolaboral.

Eixe 4 · Espazos inclusivos e xuventude LGTBI
O obxectivo é chegar á poboación xuvenil LGTBI do municipio, xerar espazos seguros, inclusivos e libres de discriminación, favorecendo a participación, o apoio mutuo e a prevención de situacións de illamento ou vulnerabilidade.

A Casa Mariñeira de Don Fernando continuará sendo o punto de encontro da mocidade para a coordinación de distintas actividades e saídas. Para fomentar a participación xuvenil e o acceso á información do programa crearase unha base de datos e utilizaranse distintos canais de comunicación.

0
0
0
s2sdefault