Concello de Sanxenxo - A POLICÍA LOCAL TRAMITOU 76 DENUNCIAS POR ORINAR NA VÍA PÚBLICA E 93 INFRACCIÓNS DE TRÁFICO NA SEMANA SANTA
T: 986 72 00 75 - F: 986 72 10 22  | 
Concello de Sanxenxo

Novas

Sanxenxo iniciou xa as medicións de ruído nocturno nos locais de lecer para aplicar medidas nas zonas acústicamente saturadas

Sanxenxo, 10 de abril de 2026.- O balance da Policía Local de Sanxenxo durante a Semana Santa conclúe que, a pesar da afluencia de visitantes, a festividade transcorreu sen incidentes graves, centrando os esforzos no control do tráfico e na seguridade cidadá. As vilas de Sanxenxo e Portonovo concentraron gran parte da actividade policial, especialmente en horario nocturno. Entre estas actuacións destacan as denuncias tramitadas por orinar na vía pública, con até 76 infractores. A sanción nestes casos ascende a 400 euros, tal e como recolle a ordenanza de Convivencia Cidadá.

A centralita da Policía Local recibiu desde o 27 de marzo ata o 5 de abril un total de 384 chamadas telefónicas en busca de información, solicitude de axuda ou para denunciar algún caso.

Na sala de obxectos perdidos da comisaría de Miraflores chegaron a pasada Semana Santa un total de 16 obxectos, entre eles móbiles, chaves, carteiras, diñeiro, bolsas, documentación… Algúns xa foron devoltos aos seus propietarios; o resto custódiase nas dependencias policiais, onde permanecerán ata un máximo de 24 meses antes da súa destrución ou doazón a algún colectivo social.

Entre outras actuacións destacables, resaltan 6 denuncias contra a Lei de Seguridade Cidadá por incautación de substancias estupefacientes, 18 denuncias administrativas á Subdelegación do Goberno e 2 denuncias por incumprimento do horario de peche dun local.

En canto á seguridade vial, rexistráronse 8 sinistros, aínda que ningún de gravidade, 93 infraccións de tráfico e 95 partes de servizo.

Por outra banda, esta Semana Santa comezaron as medicións de ruído nocturno nos locais de lecer para aplicar medidas nas zonas acústicamente saturadas. Sanxenxo quere acabar co exceso de ruídos que impiden o descanso e perxudican a saúde, fomentando a convivencia en espazos públicos e a calidade de vida. Para isto, o Concello de Sanxenxo contratou os servizos dunha consultora técnica en acústica, Virocem, para mellorar a través dunha plataforma o control da contaminación acústica nos locais de lecer nocturno.

0
0
0
s2sdefault