Os pavillóns de Vilalonga e Baltar acollerán partidos de ambas probas femininas e masculinas
Sanxenxo, 13 de abril de 2026.- Sanxenxo converterase desde o mércores e ata o domingo no epicentro dos campionatos de España de seleccións autonómicas de fútbol sala base feminina e masculina. O municipio acollerá xunto a Poio e Meaño unha proba que atraerá a 13 seleccións autonómicas masculinas e once femininas na categoría SU-10. Os partidos celebraranse en horario de mañá, deixando a tarde libre para que poidan realizar visitas.
O presidente da Federación Galega de Fútbol, Pablo Prieto Perille, e o concelleiro de Deportes, Marcos Guisasola, xunto ao vicepresidente da Federación Galega de Fútbol, José Fernández, e o presidente do Comité Galego de Fútbol Sala, Julio Mougán, presentaron esta mañá os campionatos no pavillón de Baltar. “Sanxenxo é a nosa segunda casa. Aquí organizamos numerosos eventos tanto nacionais como internacionais con gran éxito”, asegurou Prieto. Ademais, incidiu no retorno económico do evento. “É unha proba deportiva con un gran retorno económico porque hai máis de 1.000 familias que se desprazan cos nenos e nenas das distintas seleccións”, dixo.
Pola súa parte, Marcos Guisasola agradeceu á Federación Galega de Fútbol a súa implicación co municipio. “Estamos moi orgullosos de que un ano máis Sanxenxo sexa o porto base destas dúas competicións con dúas instalacións, unha en Portonovo e outra en Vilalonga. Imos seguir traballando para atraer máis eventos deportivos”, apuntou.
Partido amistoso
Por outra banda, o pavillón de Baltar acollerá o próximo 21 de abril, ás 19 horas, un partido de fútbol sala amistoso SUB-19 que enfrontará ás seleccións femininas de España e Portugal.