Os nenos e nenas empadroados ou inscritos no CB Baltar contarán con descontos
Sanxenxo, 14 de abril de 2026.- Sanxenxo acollerá este verán o primeiro campus interno do Celta Baloncesto. A actividade, que se desenvolverá entre o 28 de xuño e o 4 de xullo, está dirixida a nenos e nenas nacidos entre 2009 e 2017 e contará con adestradores titulados para todas as idades.
O concelleiro de Cultura e Eventos, Xoán Pérez, xunto a María José Táboas, vicepresidenta do club; Mar Mariño, directiva; Cristina Cantero, adestradora do primeiro equipo e axudante da selección absoluta; Silvia Caíño, directora do campus, e Deva Bermejo, xogadora internacional do primeiro equipo, presentaron esta mañá o campus no pavillón de Baltar.
O prezo por neno ou nena será de 490 euros, e inclúe aloxamento e manutención. No caso de externos, o prezo será de 350 euros, incluíndo comida e merenda. Os nenos e nenas empadroados ou inscritos no CB Baltar contarán con descontos.
As instalacións que se utilizarán para o desenvolvemento do campus serán o colexio Abrente e o pavillón municipal de Baltar. O campus inclúe saídas á piscina, excursións á Illa de Ons, visitas ao aquapark e paddlesurf.
“É a primeira vez que organizamos un campus interno e cremos que Sanxenxo é un lugar idóneo para facelo polas instalacións e a oferta lúdica”, apuntou Silvia Caíño, directora do campus.
Pola súa parte, o concelleiro de Cultura e Eventos destacou a importancia de “este tipo de actividades no verán cando, se cabe, a conciliación familiar cobra un maior protagonismo en Sanxenxo”. Pérez indicou que este campus súmase á oferta xa existente cunha proposta diferente. “Contamos cun programa municipal e un amplo abanico de actividades organizadas desde distintos clubes e colectivos do municipio”, indicou. Na mesma liña, agradeceu ao club a súa aposta por Sanxenxo.