Concello de Sanxenxo - O CONCELLO SOLICITA AOS LOCAIS DE OCIO A CONEXIÓN DO SEU LIMITADOR E SONÓMETRO Á PLATAFORMA DE CONTROL ACÚSTICO
T: 986 72 00 75 - F: 986 72 10 22  | 
Concello de Sanxenxo

Novas

Os establecementos teñen un prazo de 15 días naturais para garantir a operatividade ininterrompida dos seus equipos

Sanxenxo, 15 de abril de 2026.- O Concello de Sanxenxo acaba de enviar un requerimento formal a todos os establecementos de ocio do municipio para que procedan á conexión do seu limitador e sonómetro á plataforma de control acústico. Os locais teñen un prazo de 15 días naturais para garantir a operatividade ininterrompida dos seus equipos cos equipos municipais. O incumprimento desta medida dará lugar á incoación dun expediente sancionador con posible adopción de medidas provisionais de clausura temporal, parcial ou total do local.

Con este obxectivo, o Concello de Sanxenxo contratou os servizos dunha consultora técnica en acústica, Virocem, para mellorar, a través dunha plataforma, o control da contaminación acústica en locais de ocio nocturno. Espazos que, pola tipoloxía de negocio, están obrigados a ter sonómetros e limitadores de volume que deberán conectarse á plataforma, desde onde se comprobará en tempo real a situación, se extraerán informes periódicos e se aplicarán medidas correctivas e sancionadoras.

Pero o control do ruído non se circunscribe só aos locais de ocio nocturno. Realizaranse inspeccións periódicas en industrias ou calquera actividade que poida provocar molestias por contaminación acústica. Tamén se farán medicións in situ e estudarase a adopción de medidas correctoras para a elaboración de proxectos acústicos destinados a mellorar a acústica de pavillóns, salas de ensaio, oficinas…

O contrato con Virocem inclúe un control exhaustivo das zonas onde se concentren os locais de ocio e, no caso de clasificarse como Zonas Acústicamente Saturadas, realizarase un plan de acción para corrixir os niveis de ruído aos que están expostos os veciños destas zonas.

Finalmente, proporcionarase fichas coas esixencias de acordo coa normativa en vigor das actividades máis comúns, como cafeterías, restaurantes, pubs e supermercados.

0
0
0
s2sdefault