Será o 5 de maio, ás 18 horas, no Pazo Emilia Pardo Bazán
Sanxenxo, 16 de abril de 2026.- A Concellería de Cultura, dirixida por Nati Parada, organiza unha charla dirixida ao profesorado para detectar e abordar correctamente posibles casos de violencia no contorno educativo. A actividade será realizada por Synapse Profesional o próximo 5 de maio, ás 18 horas, no Pazo Emilia Pardo Bazán e será impartida por unha criminóloga especialista en Prevención de Violencias e Psicoloxía Clínica. “Trátase de aportar ferramentas para detectar casos de violencia nun dos lugares onde os rapaces e rapazas pasan máis tempo. Será unha charla bidireccional con posibilidade de preguntas e consultas”, apunta Nati Parada.
O Concello de Sanxenxo, no seu firme compromiso por garantir contornos de aprendizaxe seguros e libres de violencia, busca reforzar os seus programas con esta formación dirixida ao profesorado e equipos de orientación dos centros do municipio. A charla terá unha duración de aproximadamente dúas horas e media, na que se abordará:
• Introdución ao fenómeno: Datos, realidade e impacto.
• Tipos de violencias (acoso escolar, violencia de xénero, violencia intrafamiliar, abuso sexual infantil) con perspectiva de xénero e igualdade.
• Sinais de alarma básica para detección temperá.
• Consecuencias psicolóxicas e sociais nas vítimas e agresores.
• Recursos de axuda dispoñibles.
• Casos prácticos breves.
• Preguntas e debate.