Concello de Sanxenxo - UN TOTAL DE 21 LOCAIS PARTICIPARÁN NA CUARTA EDICIÓN DE PORTONOVO GASTRONÓMICO. FESTA DA RAIA
T: 986 72 00 75 - F: 986 72 10 22  | 
Concello de Sanxenxo

Novas

A cita, que se presentou na Casa Mariñeira de Don Fernando, celebrarase o 1, 2 e 3 de maio

Sanxenxo, 15 de abril de 2026.- A Casa Mariñeira de Don Fernando acolleu esta mañá a presentación da cuarta edición de Portonovo Gastronómico. Festa da Raia que se celebrará o 1, 2 e 3 de maio. O concelleiro de Cultura e Eventos, Xoán Pérez, que estivo acompañado de hostaleiros e colectivos de Portonovo destacou a participación do sector e a calidade das propostas culinarias.
“O protagonismo está nos fogóns da hostalería de Portonovo e o Concello encárgase de aderezar a cita cun programa musical e cultural pensado para todos os públicos”, dixo.

Un total de 21 locais participan cunha tapa na que se pon en valor o produto do mar. O prezo mantense como en citas anteriores en 5 euros. En canto á programación cultural, cortarase un tramo de Rafael Picó, entre a entrada ao varadoiro e a rotonda da lonxa, para que poida acoller tres espazos distintos:

• Espazo expositivo que acollerá unha mostra fotográfica de Ollares con imaxes actuais e antigas de Portonovo. Tamén se poderán ver dornas cedidas por Amigos da Dorna.
• Feria Solidaria Artesá, organizada pola Asociación contra o Cancro.
• Un área infantil con talleres e xogos en xornada de mañá e tarde, de 12:30 a 14:30 e de 16:30 a 19:30 horas.

O venres 1 de maio, realizarase un Roteiro Crónicas de Portonovo coa Asociación Cultural Andarela. Da animación na rúa encargarase Festicultores, ás 12:30 horas, e, pola noite, a partir das 21:30, celebrarase o Raia Rock con The Bo Derek e Boyanka Kostova.

O sábado 2 de maio, da Animación na rúa encargarase Fanfarria Furruxa. Ás 17:30 terá lugar o Festival de Baile Tradicional e Cantos de Taberna, coa participación de Os Gatiños, Lembranzas, Abiñadoira, Voces do Club de Xubilados de Portonovo, A.C. Soalleira e Portonovo Canta. Ás 22:15 horas terá lugar o concerto de Treixadura.

O 3 de maio, celebrarase a entrega da Raia de Ouro, ás 12:30 horas, na Casa Mariñeira de Don Fernando. Lembranzas e Os Gatiños acompañarán á persoa homenaxeada ata a Casa Mariñeira de Don Fernando onde se fará entrega da insignia. A sesión vermú estará amenizada por Cantos da Terra.

0
0
0
s2sdefault