O goberno levará a Pleno unha modificación orzamentaria de 3 M€ que proceden do remanente de tesouraría de 2025 que ascende a 5,5 M€
Sanxenxo, 15 de abril de 2026.- O goberno levará a un Pleno extraordinario do próximo venres 24 de abril unha modificación orzamentaria de 3 M€ cos que se fará fronte á segunda fase do mercado de abastos de Sanxenxo, ao proxecto de recuperación do litoral na zona de A Fianteira-Vilalonga na Ría de Arousa e á adquisición dun terreo destinado a vivenda pública no solo urbanizable número 8 en Dorrón.
Unha proposta que se realiza con cargo ao remanente de tesouraría de 2025, o maior da historia de Sanxenxo, que ascende a 5.501.931,95 euros. Estes datos de liquidación permiten afrontar actuacións claves no desenvolvemento económico e social do municipio.
No caso do Mercado de Abastos de Sanxenxo, estima-se que o custo da segunda fase, que comprendería o edificio e a urbanización do contorno, ascende a 5,4 millóns de euros. Previa sinatura de convenio, está previsto que outras administracións financien 2,5 millóns de euros e que o Concello asuma os 2,9 millóns restantes repartidos en dúas anualidades, 2026 e 2027. Para esta anualidade o goberno aportará 1,9 millóns procedentes desta modificación.
A nova praza será un edificio multifuncional acristalado de cinco plantas e un aparcadoiro público. A primeira e segunda planta estarán destinadas ao mercado de abastos e espazo gastronómico; as plantas intermedias adícanse á biblioteca municipal, sala de lectura e espazos polivalentes. A quinta está pensada como espazo gourmet. En canto á urbanización do contorno, propóñese manter a circulación rodada existente completando a pacificación da Rúa Madrid e reducindo o uso do vehículo privado na contorna. A saída de vehículos no extremo oeste permitirá unha incorporación rápida á Rúa Progreso.
Para a recuperación da Ría de Arousa, o goberno reserva unha partida de 800.000 euros que será complementada con achegas doutras administracións. O proxecto completará a posta en valor dun territorio de enorme potencial turístico e paisaxístico no que xa se está actuando coa rehabilitación de A Telleira. A reforma permitirá a creación dun espazo interactivo no que se profundizará sobre o valor do contorno tanto paisaxístico como ornitolóxico e acollerá a sede nacional de Seo Bird Life.
Finalmente, o Concello destinará unha partida de 300.000 desta modificación orzamentaria á adquisición da actual parcela anexa á Casa de Cultura de Dorrón que se utiliza como estacionamento e que se atopa dentro do ámbito SU-8. O obxectivo é mantela co seu uso actual como servizo aos veciños e utilizar a edificación de vivenda pública desta parcela noutro solo do municipio.