Concello de Sanxenxo - O PLENO DÁ LUZ VERDE Á COMPRA AO SAREB DOS TERREOS DO SU 27 EN VILALONGA E SU 11 EN PADRIÑÁN
T: 986 72 00 75 - F: 986 72 10 22  | 
Concello de Sanxenxo

Novas

Sanxenxo, 4 de maio de 2026.- O goberno levou esta tarde a Pleno extraordinario urxente a compra ao Sareb dos terreos do SU 27 no lugar de Altamira en Vilalonga onde está prevista a construción de 350 vivendas públicas por parte da Xunta de Galicia e o SU 11, situado no lugar de Miraflores en Padriñán. Neste caso, a súa compra responde á necesidade de protección do seu alto valor paisaxístico reducindo o seu grao de edificación. A proposta saíu adiante por unanimidade cos votos a favor do PP, PSOE e BNG.

O SU 27 é un ámbito idóneo para o desenvolvemento dunha actuación urbanística destas características, tanto pola súa capacidade no núcleo urbano de Vilalonga, nunha contorna dotada de servizos e de múltiples actividades e próxima ao núcleo de Dena, no concello de Meaño e á Ría de Arousa. Por outra banda, o SU 27 ten moi boa comunicación coa autovía AG-41, autovía do Salnés, e co parque empresarial de Nantes e de Curro, no Concello de Barro e coa A6. A adquisición do SU 27 e o seu desenvolvemento en colaboración coa administración autonómica a través do Instituto Galego da Vivenda e do Solo permitirá dar resposta a esta necesidade de promover vivenda protexida en Sanxenxo.

No caso do sector SU 11, o Concello cómprao para liberar de edificacións un solo que conta con todos os instrumentos de planeamento e xestión aprobados, pero que ten un considerable impacto paisaxístico. En efecto, este sector caracterízase, nas súas cotas máis elevadas, por ser un enclave privilexiado, no que se proxectan 414 vivendas acaroadas cun alto grao de ocupación do solo e grande impacto paisaxístico.

A adquisición do ámbito polo Concello de Sanxenxo permitirá preservar os valores naturais da contorna, con alta incidencia visual e paisaxística. Así, previa modificación do planeamento, o 70% da superficie do ámbito, 96.582 m² aproximadamente, pasaría a ser clasificada como solo rústico de especial protección, destinado a espazo libre para uso e goce da poboación. Dentro desta actuación enmarcaríase a recuperación e posta en valor do coñecido como Camiño Real que atravesa o sector, conectando mediante sendeiros e rutas peonís diversos núcleos de poboación.

0
0
0
s2sdefault