O Consello de Turismo Sanxenxo deu luz verde esta mañá á contratación do mantemento de praias
Sanxenxo, 6 de maio de 2026.- A empresa municipal Turismo de Sanxenxo S.L. deu luz verde esta mañá á adxudicación do servizo de socorrismo en praias por 3,6 millóns de euros á UTE Top Rescue-PC Salvamento Sanxenxo. O valor estimado do contrato é por catro anos.
O contrato permitirá despregar a 87 socorristas nos principais areais do municipio. Entre eles figura, por primeira vez, Pampaído, que estreará vixilancia este verán. Tamén contarán con servizo Area de Agra, Areas, Panadeira, Silgar, Baltar, Caneliñas, Canelas, Paxariñas, Montalvo, Bascuas, Pragueira, Major, Foxos, Nosa Señora da Lanzada, Areas Gordas, A Lapa e O Espiñeiro-A Lanzada.
O Concello non só busca garantir a seguridade, senón tamén mellorar a calidade do servizo. A empresa adxudicataria asume as melloras incluídas no prego: incremento de 150 horas adicionais por praia para ampliar horarios se fose necesario; reparación e mantemento dos módulos de socorrismo, torres, cadeiras e cartelaría, a realización de campañas de educación ambiental e hábitos saudables e a instalación de pantallas dixitais informativas no exterior dos postos.
En canto ao calendario, ao ser a praia de Silgar a máis urbana e concorrida abrirá o servizo de forma ininterrompida do 1 de xuño ao 30 de setembro, de luns a domingo, entre as 12:00 e as 20:00 horas. En plena tempada alta, do 1 de xullo ao 31 de agosto, o horario ampliarase de 11:30 a 20:30. En Areas, Panadeira, Canelas e Montalvo, a vixilancia comezará o 1 de xuño, aínda que durante a primeira quincena só funcionará as fins de semana en horario de 12:00 a 20:00. A partir do 15 de xuño será diaria. O resto de praias disporán de socorristas do 1 de xullo ao 31 de agosto, tamén de 12:00 a 20:00 horas.
O operativo contará con embarcacións de rescate e reforzarase cunha moto para tarefas de inspección e control dos areais, ademais dun vehículo de intervención para traslados en caso de emerxencia.
Cada módulo de salvamento deberá estar equipado con desfibrilador, férulas semirríxidas, osíxeno medicinal, mochila de primeiros auxilios, balón autoinflable ou ventilador manual, máscaras de baixo e alto fluxo, colarín cervical, tensiómetro, termómetro e mantas térmicas, ademais de diverso material para curas.
A accesibilidade será outro dos eixes do servizo pois todas as praias deberán contar con cadeira anfibia e muletas adaptadas para facilitar o baño a persoas con mobilidade reducida.
Mantemento de praias
O Consello de Turismo tamén deu luz verde á adxudicación por un ano do acondicionamento de praias na tempada de verán a Construcciones Torres Balboa por 59.487 euros. As actuacións a realizar resúmense en:
• Reparacións, reposicións e pintados de varandas de protección.
• Reparación e preparación da base para o lasurado de valados, escaleiras e ramplas.
• Reparación e reposición de elementos rotos ou deteriorados nos módulos de aseos e casetas de socorrismo, incluso preparación da base para o lasurado dos mesmos.
• Reparación e reposición de accesos ás praias.
• Servizo de retroescavadora para movementos de area e elementos no areal.
• Servizo de traslado, montaxe, desmontaxe e almacenamento de pasarelas de area e pontes de madeira para o tránsito de persoas e acceso de persoas con discapacidade, así como as zonas de sombra e módulos de aseos a instalar.
• Servizo de colocación de cartelaría informativa.
• Servizo de mantemento preventivo e conservación de todos os servizos instalados nas praias durante a tempada estival, 3 meses.