Concello de Sanxenxo - SANXENXO E O GROVE PRESENTAN A TERCEIRA EDICIÓN DA MEDIA MARATÓN ENTRE RÍAS CON RÉCORD DE PARTICIPACIÓN
T: 986 72 00 75 - F: 986 72 10 22  | 
Concello de Sanxenxo

Novas

O 30% dos 3.000 inscritos na proba proceden de fóra de Galicia

Sanxenxo, 7 de maio de 2026.- A Media Maratón Entre Rías O Grove Sanxenxo chega á súa terceira edición con récord de participación. Un total de 3.000 inscritos, o 30% de fóra de Galicia, participarán nas dúas probas previstas para o 17 de maio. A Media Maratón sairá ás 10 da Praza do Corgo e a 10K da contorna da capela da Lanzada, ás 11:30 horas.

O xornalista Terio Carrera presentou este mediodía no Gran Hotel da Toxa contou coa presenza dos dous alcaldes, Telmo Martín e José Cacabelos, así como coa vicepresidenta e deputada de Deportes, Luisa Sánchez, e a delegada en Pontevedra da Consellería de Presidencia, Xustiza e Deporte, Blanca García Señoráns. Ao acto tamén acudiron os concelleiros de Deportes, Marcos Guisasola, e de Turismo, María López; patrocinadores da cita e representantes turísticos e das forzas de seguridade de ambos municipios.

O representante da firma organizadora do evento Nokao, Serafín Martínez, explicou que o obxectivo é comezar a presentación da cita fóra de España para darlle unha proxección internacional. “Cremos que ten todos os atractivos para atraer a corredores doutras partes do mundo”, dixo. O percorrido xa está homologado pola RFEA.

A cita contará con dous padriños, figuras de referencia no tríatlon, Dani Molina e Javi Gómez Noya, que darán unha charla coloquio o sábado, ás 20 horas, no Hotel Carlos I, con entrada libre. Durante a tarde, haberá carreiras infantís gratuítas no porto do Grove. Un día antes, ofrecerase un concerto do grupo Assia gratuíto na Praza do Mar, a partir das 22 horas.

O alcalde do Grove incidiu na “boa colaboración entre os dous concellos”, así “como na beleza da paisaxe durante o percorrido”. O alcalde de Sanxenxo indicou que “demos coa tecla cun evento fóra de tempada que en apenas tres anos xa está batendo récord de participación”. Na mesma liña, asegurou que “hai que seguir traballando e seguir mellorando”.

A entrega de dorsais poderá realizarse na Sala Nauta o venres pola tarde e o sábado, en horario de mañá e tarde, ou o propio día no porto do Grove. A entrega dos dorsais 10k realizarase no Hotel Nuevo Lanzada.

Haberá servizos de autobús para os inscritos en calquera das dúas probas. Os participantes da 21k poderán gravar a medalla en meta co nome e o tempo gratuitamente.

0
0
0
s2sdefault