Concello de Sanxenxo - O CONCELLO SACA A LICITACIÓN O SERVIZO VETERINARIO DE CONTROL DE GATOS DA RÚA POR 43.560 EUROS DURANTE UN ANO
T: 986 72 00 75 - F: 986 72 10 22  | 
Concello de Sanxenxo

Novas

Sanxenxo, 26 de maio de 2026.- O Concello de Sanxenxo vén de sacar a licitación o servizo de control de gatos da rúa co fin de realizar a adecuada xestión sanitaria das colonias de gatos urbanos do municipio e a atención veterinaria urxente. O contrato sae a concurso por un valor de 43.560 euros e unha duración dun ano.

A Concellería de Medio Ambiente, Servizos e Mantemento, dirixida por Yago Torres, realizou en 2025 a identificación, rexistro, esterilización, desparasitación e vacinación de 71 gatos da rúa. “Quero agradecer a colaboración altruísta dos vinte voluntarios que, con autorización municipal, realizan tarefas de seguimento e coidados das distintas colonias felinas existentes nas 7 parroquias de Sanxenxo”, apunta Torres.

É moi importante a colaboración e concienciación cidadá neste tema, sobre todo co abandono por parte dos propietarios de mascotas das camadas non desexadas, abandonando os gatos en colonias, colectores e outros espazos públicos. Cómpre lembrar que coa entrada en vigor da Lei 7/2023, do 28 de marzo, de protección dos dereitos e benestar dos animais, quedan prohibidas, en relación coas colonias felinas:

• O abandono de gatos nas colonias, sexa cal sexa a súa orixe.
• A solta de gatos en colonias distintas á propia de orixe.
• A retirada de gatos comunitarios da súa colonia, con 4 excepcións.
• O confinamento dos gatos non socializados co ser humano en centros de protección animal, residencias ou similares, salvo as actuacións necesarias e procesos de intervención de animais das colonias para o seu tratamento ou recolocación.

A clínica veterinaria adxudicataria só deberá recoller os animais entregados por persoal autorizado como as persoas coidadoras de colonias inscritas no rexistro de Medio Ambiente, Policía Local ou Emerxencias. No prego especifícase que nunca se atenderán animais propiedade de particulares que se atopen na rúa por descoido ou abandono. Neste caso, o protocolo varía. Poñeríase en coñecemento do persoal de Medio Ambiente para investigar a procedencia do animal como medida de loita contra o abandono.

0
0
0
s2sdefault