Concello de Sanxenxo - SANXENXO DE CINE REGRESA ESTE XOVES AO AUDITORIO CON ASÍ CHEGOU A NOITE, PELÍCULA RODADA EN VILALONGA
T: 986 72 00 75 - F: 986 72 10 22  | 
Concello de Sanxenxo

Novas

As entradas están á venda en Ataquilla por 3,75 euros ou o propio día no Pazo Emilia Pardo Bazán

Sanxenxo, 26 de maio de 2026.- Sanxenxo de Cine regresa este xoves ao Auditorio coa película Así chegou a noite, unha película rodada na zona da Telleira, en Vilalonga. O concelleiro de Cultura e Eventos, Xoán Manuel Pérez, e Daniel Froiz, produtor cinematográfico, presentaron esta mañá a segunda edición da mostra de cine. “Apostamos un ano máis por Sanxenxo de Cine, unha proposta que nos permite achegar longametraxes de calidade ao municipio a un prezo accesible”, dixo Pérez. O prezo da entrada por filme será de 3,75 euros e pódense adquirir online en Ataquilla ou o propio día no Auditorio.

Sanxenxo de Cine proxectará no salón de actos do Emilia Pardo Bazán catro novas propostas: Así chegou a noite, Tres adeuses, Valor sentimental e As liñas descontinuas. “Nesta segunda edición contamos con películas moi especiais que dialogan moi ben entre si e volvemos apostar polos coloquios tras as películas”, apuntou Froiz.

O primeiro filme, rodado e ambientado en Vilalonga na zona da Telleira, Así chegou a noite, dirixido por Ángel Santos, proxectarase o xoves 28 de maio, ás 21 horas. Nel abórdase a historia dun escultor que establece o seu taller nunha apartada zona rural da costa galega. Pouco a pouco irá illándose da súa contorna, cortando todo contacto con amigos e familiares. Cando unha antiga amante acuda ao seu encontro provocará a reflexión do escultor sobre o seu desexo de illamento e a necesidade dunha nova fuxida. Tras a película haberá unha charla coloquio co director, Ángel Santos, e actores da película.

Tres adeuses, de Isabel Coixet, proxectarase o venres 29 de maio, ás 21 horas. O filme aborda a separación de Marta (Alba Rohrwacher) e Antonio (Elio Germano). El, un chef prometedor, refúxiase nos seus fogóns; ela, no seu silencio, comeza a notar algo máis ca tristeza: perdeu o apetito… e non só por desamor. Cando descobre que detrás hai un problema de saúde, todo dá un xiro inesperado: a comida sabe mellor, a música chégalle como nunca e o desexo esperta as súas ganas de vivir sen medo.

Valor sentimental, de Joaquim Trier, emitirase o sábado 30 de maio, ás 21 horas. Nela, Nora, unha actriz de teatro consolidada, reencontrase co seu pai, un director de cine que intenta regresar cunha película inspirada na historia da súa propia familia. O proxecto reabre vellas feridas e obriga a pai e filla a enfrontarse aos recordos, os silencios e os afectos que nunca souberon como expresar.

A película As liñas descontinuas, de Anxo Fazáns, proxectarase o domingo 31 de maio, ás 21 horas. Nela cóntase a historia de Bea, unha muller de 50 anos que se está separando do seu marido. O día no que ten que abandonar o fogar no que viviu os últimos vinte anos chega á súa casa e atopa todo patas arriba e a un dos ladróns durmindo na súa cama. Denís é un rapaz trans de 28 anos que, a pesar de ter estudado unha carreira, loita coa precariedade laboral e a falta de oportunidades. Despois de pasar tres días xuntos, cada un deberá continuar o seu camiño.

0
0
0
s2sdefault