Levarase a cabo nas casas de cultura a partir das 10:00 horas
Sanxenxo, 29 de maio de 2026.- O estudo das persoas maiores de 65 anos realizado pola Universidade de Vigo, co apoio do Concello de Sanxenxo e da Consellería de Política Social, arranca este luns na Casa de Cultura de Bordóns. Trátase dunha cita diaria ás 10:00 horas, á que seguirán encontros nas casas de cultura de Nantes (2 de xuño), Dorrón (3 de xuño) e Adina (4 de xuño). Proximamente informarase das datas previstas para as parroquias de Padriñán e Vilalonga.
A avaliación realizarase co obxectivo de coñecer a cada participante dunha forma ampla e integral, tendo en conta non só o seu estado físico, senón tamén aspectos cognitivos, emocionais e sociais. Máis aló de medir parámetros concretos, procurarase comprender como viven as persoas maiores e que factores poden influír na súa autonomía, benestar e calidade de vida.
A avaliación comezará cun cuestionario estruturado que permitirá recoller información sociodemográfica e persoal, incluíndo aspectos como a idade, o sexo, o nivel educativo, a situación residencial e as características da contorna. Ademais, exploraranse factores relacionados coa composición do fogar, as redes de apoio e a satisfacción coa axuda recibida, xa que estes elementos desempeñan un papel importante no benestar e no proceso de envellecemento.
Posteriormente, avaliaranse aspectos relacionados co estado de saúde e a mobilidade, recollendo información sobre enfermidades crónicas, presenza de dor, caídas, uso de axudas técnicas, medicación habitual e posibles dificultades para realizar actividades cotiás. Esta información permitirá coñecer o nivel de autonomía funcional de cada participante e detectar posibles limitacións que poidan influír na súa vida diaria.
A dimensión cognitiva e emocional incluirá preguntas relacionadas coa memoria, a atención, a planificación de tarefas cotiás, a orientación, a motivación e o estado de ánimo. Tamén se incorporarán breves tarefas de orientación temporal e espacial e pequenos exercicios de cálculo mental que permitirán valorar funcións cognitivas básicas e detectar posibles alteracións temperás.
Así mesmo, recollerase información sobre a participación social e as necesidades percibidas, explorando aspectos como a frecuencia de contacto con familiares e amizades, a participación en actividades comunitarias e as principais preocupacións relacionadas coa mobilidade, os coidados ou o acceso a recursos e servizos.
A avaliación completarase mediante probas funcionais obxectivas dirixidas a valorar capacidades físicas relacionadas coa autonomía. Entre elas incluiranse a forza de prensión manual mediante dinamometría, a mobilidade funcional a través da proba Time Up and Go, a capacidade para erguerse dunha cadeira, a resistencia física, o equilibrio e a composición corporal. Estas probas permitirán obter información sobre a capacidade funcional das persoas maiores e a súa relación coas actividades habituais do día a día.
A combinación de cuestionarios subxectivos e probas funcionais obxectivas permitirá obter unha visión global e próxima de cada participante, axudando a identificar fortalezas e necesidades específicas e facilitando o deseño de intervencións adaptadas orientadas a promover un envellecemento activo e saudable.