Concello de Sanxenxo - O CONCELLO ACOMETERÁ OBRAS PARA MELLORAR A CALIDADE DA AUGA NAS PRAIAS DE NANÍN E CARABUXEIRA
T: 986 72 00 75 - F: 986 72 10 22  | 
Concello de Sanxenxo

Novas

As actuacións, cun investimento de máis de 100.000 euros, centraranse en diversos elementos da rede de saneamento e drenaxe

Sanxenxo, 29 de maio de 2026.- Co obxectivo de mellorar a calidade das augas de baño das praias de Nanín e Carabuxeira, o Concello de Sanxenxo realizará obras de mellora do saneamento e da drenaxe por valor de 104.196 euros en distintos puntos para evitar alteracións na auga. Estas actuacións súmanse ás xa executadas en anos anteriores, coas que xa se apreciou unha mellora na calidade da auga, aínda que insuficiente.

Para a mellora da auga de baño en Nanín prevénse tres actuacións:

  1. Mellora do saneamento no cruzamento da PO-308 e colector pola marxe da estrada (60 m)

Esta actuación consiste na substitución dun tramo de 60 metros de condución de saneamento, actualmente de formigón, por unha nova tubaxe de PVC con mellores prestacións hidráulicas e maior estanquidade. A renovación do material e a corrección do perfil garanten un funcionamento máis estable e reducen o risco de fugas e retornos.

  1. Renovación do colector de augas residuais paralelo ao leito do río (180 m)

Nesta intervención prevese a renovación de 180 metros do colector de saneamento existente, actualmente construído en formigón e con evidentes signos de deterioración. O tramo discorre paralelo ao río Nanín, onde se detectaron infiltracións e perdas de estanquidade.

  1. Renovación do colector de augas residuais en Seixalvo (30 m)

Esta actuación contempla a substitución de 30 metros de colector de formigón nun tramo que atravesa a estrada na zona de Seixalvo.

Co fin de mellorar a calidade da auga de baño na praia de Carabuxeira, prevese unha serie de actuacións orientadas a eliminar filtracións de augas residuais, renovar elementos deteriorados, recuperar a estanquidade das conducións e optimizar a capacidade hidráulica da rede.

  1. Limpeza e retirada de residuos no colector interior do Edificio Florida

A actuación consiste na limpeza integral do colector interior do Edificio Florida, onde se detectou a presenza de residuos, sedimentos e lodos que afectan ao correcto funcionamento da infraestrutura.

  1. Renovación de 80 metros de canalización de pluviais de formigón por tubaxe de PVC

Prevese a substitución de 80 metros de canalización de augas pluviais construída en formigón por unha nova condución de PVC Ø500 mm, un material que ofrece maior estanquidade, durabilidade e resistencia ás deformacións. A renovación completa do tramo garante a estanquidade e un correcto transporte das augas pluviais, reducindo a infiltración de auga do terreo e evitando retornos ou achegas non desexadas ao sistema.

  1. Renovación de 60 metros de canalización de residuais de formigón por tubaxe de PVC (Rúa Camiño Vello)

A intervención contempla a renovación de 60 metros de colector de augas residuais, actualmente executado en formigón e situado na zona da Rúa Camiño Vello.

0
0
0
s2sdefault