Concello de Sanxenxo - O AUDITORIO ACOLLERÁ O VINDEIRO 11 DE XUÑO UNHA CHARLA SOBRE SEGURIDADE VIARIA PARA PERSOAS MAIORES IMPARTIDA POLA DXT
T: 986 72 00 75 - F: 986 72 10 22  | 
Concello de Sanxenxo

Novas

A actividade, que comezará ás 10:30 horas, está aberta ao público

Sanxenxo, 4 de xuño de 2026.- Baixo o lema “Maiores, activos e seguros”, o Auditorio Emilia Pardo Bazán acollerá o vindeiro 11 de xuño unha charla sobre seguridade viaria para persoas maiores impartida pola Dirección Xeral de Tráfico (DXT) en colaboración coa Concellería de Maiores. Durante a actividade, aberta ao público, abordaranse distintos aspectos clave da seguridade viaria tanto desde a perspectiva do peón como da persoa condutora.

Entre as recomendacións dirixidas ás persoas condutoras maiores atópanse a actualización das normas de tráfico e das prestacións tecnolóxicas dos vehículos; circular nas horas de menor intensidade de tráfico; evitar zonas pouco iluminadas; non utilizar o teléfono móbil mentres se conduce e reducir as distraccións ao volante.

No caso dos peóns, incidirase na importancia de realizar os cruzamentos con seguridade; evitar desprazarse entre vehículos estacionados ou que estean a manobrar; prestar atención á sinalización viaria e non situarse en zonas onde obstáculos poidan dificultar a visibilidade.

Para as persoas usuarias do transporte público, ofreceranse recomendacións como agardar en lugares adecuados, evitar as aglomeracións e esperar a que o autobús abandone a parada antes de cruzar a calzada, entre outras.

A charla tamén abordará cuestións médicas e farmacolóxicas que poidan influír na capacidade das persoas tanto como peóns como condutoras.

A actividade dará comezo ás 10:30 horas e está previsto que teña unha duración máxima de dúas horas.

0
0
0
s2sdefault