As praias de Foxos e A Lanzada contarán co servizo os sábados e domingos a partir da segunda quincena de xuño.
Sanxenxo, 9 de xuño de 2026.- As catro praias máis concorridas do municipio, Areas, Silgar, Canelas e Montalvo, disporán de socorristas desde este venres, 12 de xuño, ata o 15 de setembro de forma ininterrompida.
As praias de Foxos e A Lanzada contarán con servizo de socorrismo os sábados e domingos durante a segunda quincena de xuño e a primeira de setembro, así como todos os días desde o 1 de xullo ata o 31 de agosto. O resto das praias (13) contarán co servizo desde o 1 de xullo ata o 31 de agosto.
Sanxenxo conta con servizo de salvamento e socorrismo en 19 praias en horario de 12:00 a 20:00 horas, coa excepción da praia de Silgar, que dispón dunha hora máis de servizo, de 11:30 a 20:30 horas, debido á gran afluencia de bañistas.
O cadro de persoal está formado por 87 persoas, entre o persoal sanitario que atende as incidencias nos módulos asistenciais e os socorristas encargados das intervencións e rescates na auga.
Os módulos sanitarios están equipados, entre outros materiais, con desfibriladores, balóns de osíxeno e mochilas de emerxencia que dispoñen de todo o necesario para que o socorrista, en caso de emerxencia, non perda nin un segundo en acceder ao material que poida precisar.
Ademais, o servizo inclúe dúas embarcacións tipo zodiac que patrullan de forma permanente a costa entre A Granxa e A Lanzada.