As oito prazas para motos acuáticas tamén están xa reservadas para ambos os meses.
Sanxenxo, 17 de xuño de 2026.- Nin unha soa praza de amarre queda xa libre no porto deportivo Juan Carlos I para os meses de xullo e agosto. A elevada demanda levou á sociedade municipal Nauta Sanxenxo a activar unha lista de agarda ante a avalancha de solicitudes, que para agosto xa se pecharon o pasado mes de febreiro. Os titulares das reservas proceden case na súa totalidade do territorio nacional, confirmando o atractivo que segue mantendo a dársena entre os navegantes españois. Tampouco queda xa espazo para as motos acuáticas. As oito prazas están xa ocupadas para ambos os meses.
O porto deportivo Juan Carlos I conta cunha superficie concesional de 123.222 metros cadrados, dispón dunha lámina de auga de 90.000 metros cadrados e 450 puntos de amarre que van desde os 8 ata os 45 metros de eslora. Aos alugueiros estivais e anuais súmanse concesións e amarres de tránsito, o que converte a instalación nun enclave estratéxico no corazón da ría.
A infraestrutura complétase cunha bocana de 50 metros e un calado de entre 5 e 8 metros, ademais de servizos como travel-lift, wifi nos pantaláns, recollida selectiva de residuos, vixilancia as 24 horas e acceso restrinxido. A todo isto engádense 3.000 metros cadrados de espazo comercial e 380 prazas de aparcamento.