Concello de Sanxenxo - SANXENXO ACOLLERÁ ESTE SÁBADO O II TROFEO VILA DE PORTONOVO DE PIRAGÜISMO
T: 986 72 00 75 - F: 986 72 10 22  | 
Concello de Sanxenxo

Novas

 

Sanxenxo, 18 de xuño de 2026.- A praia de Baltar acolleu esta mañá a presentación oficial do II Trofeo Vila de Portonovo K-4/C-4, proba pertencente á Liga Galega de Ríos, Travesías e Maratón, que se celebrará o vindeiro 20 de xuño ás 17:00 horas na Praia de Baltar.

No acto, participaron o concelleiro de Deportes, Xuventude e Voluntariado, Marcos Guisasola Padín, o presidente da Federación Galega de Piragüismo, Alfredo Bea García, e o presidente do Club Piragüismo Portonovo, Alberto Rodríguez Uhía.

A proba reunirá nas augas de Baltar a deportistas das categorías cadete, xuvenil, sénior e veterán, consolidándose como unha das citas destacadas do calendario autonómico de travesías.

Está prevista a participación de máis de 17 clubes galegos e máis de 64 embarcacións, que congregarán a centos de deportistas procedentes de distintos puntos de Galicia. A competición contará coa presenza de entidades deportivas de referencia do panorama autonómico, reforzando a tradición e o arraigo do piragüismo no municipio.

Durante a presentación, os participantes destacaron a importancia de seguir impulsando eventos deportivos vinculados ao mar, así como o papel de Sanxenxo e Portonovo como escenarios idóneos para a práctica e promoción do piragüismo.

A celebración desta proba volverá situar a Portonovo como punto de encontro do deporte galego, nunha xornada que combinará competición, espectáculo e promoción dos valores deportivos nun entorno privilexiado como a Praia de Baltar.

0
0
0
s2sdefault