A explanada exterior do campo de fútbol permanecerá pechada ao tráfico desde as sete da mañá do domingo por motivos de seguridade.
Sanxenxo, 29 de xuño de 2026.- Facilitar o acceso sen colapsar as principais vías de entrada e saída a Sanxenxo e Portonovo. Ese é o principal obxectivo do plan de tráfico elaborado pola Policía Local para a celebración este domingo 12 do concerto de Juan Luis Guerra, no que se prevé a congregación de 16.000 persoas no campo de fútbol de Baltar. Un total de 61 policías locais, en quenda de tarde e noite, velarán pola seguridade e pola regulación do tráfico durante a xornada do concerto.
O Concello de Sanxenxo habilitará desde as 18 horas autobuses lanzadeira gratuítos que partirán da parada de autobús do parque empresarial, situada nas proximidades do Hiper Nantes, ata a rotonda de Baltar, a apenas 300 metros do recinto deportivo. Neste mesmo punto recollerase, a partir das dúas da madrugada, aos asistentes para o seu regreso ao parque empresarial unha vez rematado o concerto.
A explanada exterior do campo de fútbol de Baltar permanecerá pechada ao tráfico desde as sete da mañá do domingo por motivos de seguridade ante un posible caso de evacuación. Recoméndase que a chegada ao municipio se realice de forma gradual para garantir o acceso ao recinto, cuxa apertura está prevista para as 18 horas.