Concello de Sanxenxo - O MOTO CLUB AMIGOS DA MOTO SANXENXO ABRE AS INSCRICIÓNS PARA A XXXVIII CONCENTRACIÓN INTERNACIONAL MOTOTURÍSTICA RÍAS BAIXAS
T: 986 72 00 75 - F: 986 72 10 22  | 
Concello de Sanxenxo

Novas

 

Sanxenxo, 24 de xullo de 2026.- O Moto Club Amigos da Moto Sanxenxo abre as inscricións para a XXXVIII Concentración Internacional Mototurística Rías Baixas, que se celebrará os vindeiros 11, 12 e 13 de setembro en Sanxenxo.

A edición deste ano será especialmente significativa, xa que o club conmemora o seu 40º aniversario, catro décadas dedicadas a promover o motociclismo, o compañeirismo e a paixón polas dúas rodas.

Un acontecemento que reunirá, unha vez máis, centos de motoristas chegados de distintos puntos de España e do estranxeiro para desfrutar dunha fin de semana chea de actividades, rutas, música e o mellor ambiente.

As inscricións abriranse hoxe, domingo 26 de xullo, a través da páxina web oficial do Moto Club. A inscrición anticipada terá un prezo de 50 euros para os tres días do evento e estará dispoñible ata o 7 de setembro ás 00:00 horas. A partir desa data, as inscricións poderán realizarse directamente na billeteira do evento cos seguintes prezos:

  • 3 días: 60 €

  • 2 días: 50 €

As persoas interesadas poderán formalizar a súa inscrición en www.mcsanxenxo.com. Desde a organización animan a todas as persoas afeccionadas ao motociclismo a permanecer atentas ás redes sociais do Moto Club, onde se anunciará a apertura oficial das inscricións e se compartirá toda a información relativa ao evento.

A programación completa da concentración darase a coñecer nas próximas semanas, aínda que a organización adianta que esta edición contará con numerosas actividades e sorpresas para celebrar 40 anos de historia, quilómetros, amizades e paixón polas motos.

O Moto Club Amigos da Moto Sanxenxo convida a todos os motoristas e amantes das dúas rodas a formar parte dunha edición moi especial da Concentración Internacional Mototurística Rías Baixas e a celebrar xuntos catro décadas rodando polas estradas.

0
0
0
s2sdefault