A actuación será posible tras a compra dunha vivenda que bloqueaba fisicamente o trazado, tal e como figuraba no PXOM
Sanxenxo, 24 de xullo de 2026.- O Concello de Sanxenxo ampliará o vial de entronque entre a Avenida Luis Rocafort e a Rúa Vigo, en pleno centro da vila. Unha actuación que será posible grazas á compra dunha vivenda que bloqueaba fisicamente o trazado, tal e como figuraba no PXOM. O alcalde, Telmo Martín, e os propietarios formalizaron esta mañá a adquisición do inmoble ante notario, tras varios meses de negociación, por un importe de 235.701 euros. O acordo de compra evitou ter que recorrer á expropiación e alongar o proceso.
A adquisición do inmoble por parte do goberno local permitirá liberar os terreos necesarios para ampliar o vial tras a súa demolición. Esta operación forma parte dun plan integral municipal para mellorar os fluxos de circulación urbana, potenciar a peonalización do Paseo de Silgar e optimizar os accesos.
Coa ampliación do acceso á Rúa Vigo desde a Avenida Luis Rocafort búscase aliviar a conxestión do tráfico e facilitar unha entrada máis fluída ao centro urbano, especialmente útil durante as épocas de maior afluencia turística.
O Concello implantou este verán unha reordenación integral do tráfico na contorna de Silgar. O principal obxectivo é reducir o tráfico innecesario na fachada marítima e consolidar un modelo de plataforma única con prioridade peonil. Tras completar a segunda fase do empedrado (entre as rúas Ourense e Rosalía de Castro), o paso de vehículos polo paseo marítimo queda restrinxido exclusivamente ás persoas residentes con garaxe, taxis e servizos de comercio ou hostalaría.
Para compensar estas restricións, as rúas da contorna dispoñen de 487 prazas libres e rotatorias, 33 prazas de carga e descarga e 61 prazas específicas para motocicletas, distribuídas entre a Avenida Luis Rocafort e a Rúa Lugo.