Concello de Sanxenxo - SANXENXO SUMOU 690.343 PERNOCTACIÓNS NO PRIMEIRO SEMESTRE DO ANO
T: 986 72 00 75 - F: 986 72 10 22  | 
Concello de Sanxenxo

Novas

O municipio continuou incrementando a súa capacidade de aloxamento ata contabilizar 34.009 prazas turísticas

Sanxenxo, 28 de xullo de 2026.- Segundo os datos do Big Data telefónico, nos seis primeiros meses de 2026 Sanxenxo recibiu 230.181 viaxeiros, que sumaron un total de 690.343 pernoctacións. No conxunto do semestre, a cifra de viaxeiros é un 4 % superior á do ano pasado (221.426). Pero o dato máis destacable é o crecemento nos dous meses con peor climatoloxía, xaneiro e febreiro, que suman 31.956 viaxeiros en 2026, o que supón un 44 % máis que os 22.126 do ano pasado.

En canto ás persoas visitantes que chegan a Sanxenxo para pasar o día (praia, restauración, compras, lecer nocturno e outras actividades), pero que non pernoctan no municipio, no primeiro semestre alcanzouse a cifra de 841.998 persoas, un 3,2 % máis que no mesmo período do ano pasado (815.858).

Sanxenxo é o destino do norte de España con maior número de prazas turísticas, segundo o último informe de Exceltur, publicado en 2025 con datos de 2024. Ademais, o documento recoñece a imposibilidade de contabilizar as segundas residencias (páxina 53, punto 5), un segmento de aloxamento no que Sanxenxo incrementa a súa vantaxe respecto doutros destinos do norte como San Sebastián, Bilbao e Santiago de Compostela.

O número de prazas turísticas de Sanxenxo continuou medrando ata as 34.009 actuais, distribuídas do seguinte xeito:

  • 17.264 prazas en vivendas de uso turístico.

  • 9.349 prazas en establecementos hoteleiros.

  • 2.617 prazas en apartamentos turísticos.

  • 4.788 prazas en cámpings.

0
0
0
s2sdefault