A mostra poderá visitarse de balde ata o vindeiro 2 de setembro.
Sanxenxo, 28 de xullo de 2026.- Sanxenxo volve ser un verán máis sede da exposición de Abanca e Afundación coa mostra “Rostros”. O acto de inauguración tivo lugar hoxe na Praza do Mar e contou coa asistencia do concelleiro de Cultura e Eventos, Xoán Pérez; a coordinadora da Área de Cultura, María Teresa Cores Fernández; o director da zona do Salnés, Víctor Moralejo; e o director da oficina de Sanxenxo, Roberto Pérez. A mostra poderá visitarse ata o vindeiro 2 de setembro.
Cores Fernández explicou que se trata dunha exposición itinerante coa que “se busca achegar a cultura a máis persoas cunha escolma de obras de arte baseadas en retratos”. A exposición reúne diferentes estilos, desde a obra máis antiga, de Dionisio Fierros, datada en 1879, ata a máis recente, de Santi Jiménez, realizada en 2009.
A mostra convida a explorar as distintas interpretacións que os artistas fixeron —e seguen facendo— do xénero do retrato, a mergullarse nos recordos das persoas que evocan, nas sensacións que transmiten e nas novas fórmulas que se foron introducindo desde finais do século XIX ata a actualidade, ao ritmo dos movementos artísticos que se foron sucedendo.
Todo isto a través dunha selección de obras galegas pertencentes ás Coleccións de Arte de Abanca e Afundación, asinadas por artistas como Sotomayor, Ramón Caamaño, Julia Minguillón, María Antonia Dans, Segura Torrella, Maruja Mallo, Laxeiro ou Luís Seoane, entre outros.