Concello de Sanxenxo - TURISMO REMATA A SINALIZACIÓN DO SENDEIRO AZUL CON DA ROMAÍÑA-CON DA VENTUREIRA
T: 986 72 00 75 - F: 986 72 10 22  | 
Concello de Sanxenxo

Novas

Sanxenxo, 29 de xullo de 2026.- A Concellería de Turismo, dirixida por Juan Deza, rematou esta semana a sinalización, tanto vertical como horizontal, do novo Sendeiro Azul Con da Romaíña-Con da Ventureira. O percorrido conta con treitos por vías nas que conviven peóns e vehículos, polo que se pintou unha senda para garantir un espazo seguro para os viandantes. Tamén se instalaron paneis informativos, así como balizas que marcan o itinerario da ruta.

O sendeiro ten unha lonxitude de 3.985 metros e unha anchura media de dous metros. O tempo medio estimado para realizar o percorrido é de unha hora e vinte minutos e o seu grao de dificultade é baixo.

A senda parte do río Besada, no parque empresarial de Nantes, e discorre polo Con da Romaíña, o Pazo da Maza e remata no Con da Ventureira. Trátase de espazos ligados a tradicións e lendas con grande arraigamento no municipio, como A lenda da Moura ou A lenda de Manolito e a Serpe. O sendeiro Con da Romaíña-Con da Ventureira enlaza coa Ruta dos Carballos de Aldariz, sumando preto de 10 quilómetros de percorrido.

Con este, son xa tres os sendeiros do interior do municipio que contan con este distintivo de calidade, xunto co do Río Pintillón (Dorrón) e o dos Carballos de Aldariz. A eles súmanse os seis sendeiros do litoral: Sendeiro Litoral Areas-Punta Festiñanzo, Sendeiro Litoral Canelas-Punta Cabicastro, Sendeiro Litoral Montalvo-Major, Sendeiro Litoral Paxariñas-Montalvo, Sendeiro Litoral Sanxenxo-Portonovo e o Sendeiro Máxico da Lanzada.

 

0
0
0
s2sdefault