Oreco Balgón iniciará os traballos en setembro e contará cun prazo de execución de seis meses
Sanxenxo, 30 de xullo de 2026.- O Concello de Sanxenxo vén de adxudicar por 1.784.155 euros a execución do paseo litoral desde o Paseo de Silgar ata Rafael Picó. Os traballos, que serán realizados por Oreco Balgón, darán comezo no mes de setembro e contarán cun prazo de execución de seis meses.
A actuación é dobre. Por unha banda, crearase un percorrido sobre as rochas desde o Paseo de Silgar ata o miradoiro do parque de Punta Vicaño. Por outra, o proxecto inclúe a substitución integral da pasarela da praia de Baltar e a mellora do seu sistema dunar. Trátase dunha actuación financiada ao 50 % entre a Deputación de Pontevedra e o Concello. As obras comezarán no mes de setembro.
Silgar e Baltar son dúas praias únicas por motivos diferentes. Silgar é unha praia urbana, recollida e agradable para pasear durante todo o ano. A súa importancia na orixe e no crecemento turístico de Sanxenxo está fóra de toda dúbida. Pola súa banda, a praia de Baltar constitúe unha auténtica xoia natural, xa que é o único areal urbano da ría de Pontevedra que conserva un sistema dunar.
Dúas praias urbanas moi distintas, pero complementarias, que, grazas a esta actuación, gañarán atractivo e quedarán comunicadas, especialmente para os milleiros de veciños e visitantes que percorren a diario o tramo entre o Paseo de Silgar e Rafael Picó.
O proxecto desenvolverase ao longo de 1.622 metros, distribuídos en tres zonas:
-
Primeiro tramo: 374 metros de lonxitude e 3 metros de ancho que, por primeira vez, discorrerán á beira do mar entre o Paseo de Silgar e o miradoiro de Punta Vicaño. Ao tratarse da zona de maior dificultade, sobre as rochas, instalarase unha plataforma de composite sobre micropilotes, con varandas de aceiro, balizas e proxectores de iluminación.
-
Segundo tramo: 614 metros entre o miradoiro de Punta Vicaño e o acceso á praia de Baltar. Nesta zona a intervención será menor e consistirá na reparación dos puntos deteriorados da senda que atravesa o parque de Punta Vicaño, así como na creación dalgúns novos treitos do vial e do acceso á praia de Baltar.
-
Terceiro tramo: substitución completa da pasarela de madeira da praia de Baltar, cunha lonxitude de 634 metros, incorporando balizas e proxectores de iluminación. Tamén se levarán a cabo actuacións destinadas á conservación e ao favorecemento do crecemento da duna, como a elevación da nova pasarela para evitar que dificulte o seu desenvolvemento, tal e como sucede na actualidade.
En definitiva, trátase dun proxecto moi respectuoso co medio natural que, ao mesmo tempo, humaniza, embelece e mellora a accesibilidade do tramo máis transitado do Sendeiro Azul, que conecta a punta do espigón do porto deportivo de Sanxenxo coa praia de Caneliñas, en Portonovo, ao longo de 8 quilómetros.