Concello de Sanxenxo - O CONCELLO DE SANXENXO IMPULSA UN CONXUNTO DE MELLORAS URBANAS E EN INSTALACIÓNS MUNICIPAIS A TRAVÉS DO PROGRAMA 'RENÓBRATE'
T: 986 72 00 75 - F: 986 72 10 22  | 
Concello de Sanxenxo

Novas

 

Sanxenxo, 20 de outubro de 2026.- O Concello de Sanxenxo unificou as actuacións previstas na primeira fase práctica do Programa RenÓbrate. Un plan estratéxico que permitirá acometer de forma coordinada diversas obras de mellora en espazos públicos, infraestruturas deportivas e servizos municipais en distintas parroquias do municipio.

O concelleiro de Medio Ambiente, Mantemento e Servizos, Yago Torres, supervisou esta semana os traballos realizados na Rúa Miraflores para mellorar a accesibilidade.

O conxunto de intervencións previstas busca dar resposta ás demandas veciñais, garantindo a accesibilidade, a seguridade viaria e a modernización dos equipamentos públicos.

Unha parte fundamental deste convenio céntrase na renovación de pavimentos e na mellora da mobilidade peonil:

  • Adoquinado do acceso central á praia de Areas: Renovarase o pavimento de entrada ao areal para integralo esteticamente coa contorna e facilitar o tránsito peonil.

  • Mellora das beirarrúas na Rúa Miraflores e en Dorrón: Traballos de reparación dos firmes deteriorados para eliminar barreiras arquitectónicas e garantir a seguridade dos peóns.

  • Execución dunha nova beirarrúa en Vilalonga: Construción dun novo tramo peonil para mellorar a conectividade urbana da zona.

O plan contempla un investimento nos complexos deportivos do municipio para optimizar o seu uso:

  • Campo de Fútbol de Baltar: Reforma da oficina das instalacións.

  • Campo de Fútbol de Dorrón: Reparación do teito dos vestiarios, solucionando problemas de deterioración e humidades.

  • Campo de Fútbol do Revel: Adecuación dun baixo como oficinas.

  • Club de Piragüismo de Portonovo: Reparación das duchas.

Por último, o convenio inclúe intervencións destinadas a optimizar os recursos dos servizos públicos e o mobiliario de uso cotián:

  • Reparación de mobiliario urbano (bancos): Posta a punto e restauración de bancos na nave multiusos para o seu posterior uso.

  • Construción dunha caseta auxiliar na nave de Servizos Municipais.

Cómpre lembrar que o Concello de Sanxenxo, a Xunta de Galicia e a Fundación Laboral da Construción asinaron o pasado mes de xullo un convenio de colaboración para desenvolver no municipio o programa RenÓbrate.

A iniciativa mixta de emprego e formación ten unha duración de nove meses e ofrece un total de 20 prazas para maiores de 18 anos inscritos no Servizo Público de Emprego de Galicia. As persoas participantes reciben formación práctica e teórica remunerada co salario mínimo interprofesional. O obxectivo é que polo menos o 60 % do alumnado consiga un emprego nos dous meses posteriores á finalización do curso.

0
0
0
s2sdefault