O concelleiro de Medio Ambiente, Yago Torres, recolleu esta mañá o distintivo no Pazo de Santa Cruz de Rivadulla, en Vedra
Sanxenxo, 21 de outubro de 2026.- Sanxenxo revalidou por cuarto ano consecutivo a Bandeira Verde de Galicia. Este recoñecemento premia o compromiso municipal coa sustentabilidade ambiental, a protección da paisaxe, a eficiencia enerxética, a mobilidade sostible, a conservación do patrimonio natural e cultural e a mellora da calidade de vida da súa cidadanía. O concelleiro de Medio Ambiente, Yago Torres, recolleu esta mañá o distintivo no Pazo de Santa Cruz de Rivadulla, en Vedra.
A través dunha estratexia transversal que integra criterios ambientais e paisaxísticos na planificación urbana, Sanxenxo cumpre os criterios esixidos nas seis áreas temáticas da convocatoria. En total, o Concello acredita máis de 23 requisitos mediante doce actuacións significativas xa executadas no territorio.
Entre as intervencións urbanas máis destacadas atópanse os proxectos centrados na accesibilidade universal e na mellora do espazo público:
-
A humanización da praza da Travesía Areal.
-
As obras de humanización da estrada PO-308 ao seu paso polo núcleo de Portonovo.
-
A creación dun novo acceso peonil accesible á praia de Silgar.
Estas actuacións compleméntanse co programa SIMU, unha iniciativa destinada a potenciar o transporte público, reducir as emisións contaminantes e optimizar a mobilidade urbana de maneira sostible.
No ámbito do cambio climático e da eficiencia enerxética, o Concello puxo en marcha infraestruturas clave:
-
Construción dunha nave municipal eficiente equipada con paneis solares e punto de recarga eléctrica.
-
Modernización do Centro Cultural de Nantes mediante a instalación de illamento térmico, iluminación LED e sistemas de climatización de alta eficiencia.
-
Renovación da frota da Policía Local coa incorporación de vehículos híbridos.
En canto á xestión hídrica, Sanxenxo dixitalizou a súa rede municipal coa instalación de 14.000 contadores intelixentes de telelectura. Este sistema permite optimizar o consumo de auga en tempo real, axilizar a detección de fugas e aumentar a eficiencia hídrica do municipio.
A candidatura destaca proxectos de rexeneración ambiental como a recuperación do parque de Baltar, onde se integraron criterios de renaturalización e uso público sostible. Así mesmo, desenvólvese un plan continuo de prevención de incendios forestais e protección das aldeas a través da xestión da biomasa, a colaboración veciñal e a creación de illas ecolóxicas compostas por especies autóctonas.
A candidatura á Bandeira Verde consolida unha traxectoria histórica na que Sanxenxo destaca como o municipio con máis Bandeiras Azuis de España e líder en Sendeiros Azuis de Galicia, con oito itinerarios certificados.