Concello de Sanxenxo - O VIII CONCURSO DE MÚSICA TRADICIONAL SOALLEIRA CONGREGARÁ 50 AGRUPACIÓNS NO AUDITORIO
T: 986 72 00 75 - F: 986 72 10 22  | 
Concello de Sanxenxo

Novas

 

O Concello de Sanxenxo colabora na organización do evento, que se celebrará este domingo e repartirá 4.200 euros en premios

Sanxenxo, 22 de outubro de 2026.- O son da gaita, o bombo e a pandeireta volverá ser o gran protagonista en Sanxenxo coa celebración do VIII Concurso de Música Tradicional Soalleira. Tras o éxito acadado nas súas anteriores edicións, a cita consolídase no calendario de outono reunindo este domingo, 25 de outubro, un total de 50 agrupacións e 330 integrantes que encherán de talento o escenario do Pazo Emilia Pardo Bazán. “Sanxenxo convértese esta fin de semana no epicentro do folclore galego. Unha cita imprescindible no noso calendario que congrega cada ano unha mostra da música e do baile tradicionais galegos”, apunta Xoán Pérez.

O evento, organizado conxuntamente pola Asociación Cultural Soalleira e o Concello de Sanxenxo, dará comezo ás 11:00 horas e desenvolverase en sesións de mañá e tarde. Formacións chegadas de toda Galicia competirán en cinco modalidades diferentes, que abranguen desde categorías infantís e xuvenís ata adultos e sección sénior. Un xurado profesional será o encargado de avaliar criterios clave como a autenticidade das pezas, a afinación, o grao de dificultade e a calidade interpretativa.

Para esta oitava edición, a organización incrementou a contía económica, repartindo un total de 4.200 euros en premios. Ademais, entre as principais novidades deste ano, outorgaranse accésits especiais ao vestiario tradicional nas cinco categorías participantes, poñendo en valor o rigor histórico e a riqueza da indumentaria galega. Co fin de mellorar a comodidade dos grupos, o recinto contará cunha carpa exterior onde os músicos poderán descansar e temperar os seus instrumentos antes de actuar, así como cun posto de venda de bocadillos e avituallamento.

A presidenta da A.C. Soalleira, Mari Agís, quixo salientar o enorme esforzo loxístico que hai detrás do certame, así como o papel dunha vintena de persoas voluntarias na cita.

Para todas aquelas persoas afeccionadas, veciños e familiares que non poidan desprazarse presencialmente ata o Auditorio, a xornada completa poderá seguirse en directo a través da retransmisión por plataformas dixitais.

0
0
0
s2sdefault