Nas novas contas destacan as partidas de servizos sociais, seguridade cidadá e os investimentos, especialmente no rural
Sanxenxo, 9 de novembro de 2026.- Sanxenxo celebrará o próximo 17 de novembro un Pleno extraordinario no que se debaterá o Orzamento de 2027. As contas globais, que integran o propio Concello, o Organismo Autónomo Terra e as tres empresas municipais (Turismo, Nauta e Ínsula), ascenden a un total de 69.324.094 €.
Por décimo ano consecutivo, o goberno presentará o Orzamento antes de que remate o ano, cumprindo co artigo 112 da Lei Reguladora das Bases do Réxime Local. Esta xestión permitiu que os veciños de Sanxenxo se beneficien durante unha década dunhas contas aprobadas desde o 1 de xaneiro, garantindo estabilidade financeira e unha maior capacidade para acometer investimentos propios e cofinanciados con outras administracións.
O novo Orzamento insiste en dúas liñas estratéxicas: a mellora dos servizos públicos e dos investimentos. Sanxenxo vai seguir sendo un referente en Galicia pola súa xestión dos servizos sociais, cun gasto que en 2027 medra ata os 4,4 M€ (4.434.098 €), o que supón 246 € por veciño e ano, cifra que supera a das catro capitais galegas.
A seguridade cidadá, que abrangue a Policía Local, emerxencias, salvamento, socorrismo e a balizaxe das praias, é o segundo servizo con maior volume de gasto, con 3,9 M€. As contas tamén inclúen melloras noutros servizos municipais como as instalacións deportivas, as praias e as actividades culturais e educativas.
Entre os investimentos destacan:
CONCELLO
-
4,4 M€ para mellorar as infraestruturas do rural, o plan de asfaltados e cunetas, así como a mellora da rede de saneamento e auga para cumprir o compromiso de dotar destes servizos o 100 % das vivendas do rural.
-
600.000 € para investimentos na rede viaria municipal.
-
1.079.997 € para a senda litoral entre Silgar e Portonovo e a substitución da pasarela de madeira da praia de Baltar.
-
500.000 € para a mellora de equipamentos culturais, educativos e deportivos.
-
3 M€ para o novo mercado de Sanxenxo, dos que 1 M€ serán achegados polo Concello e 2 M€ pola Xunta.
NAUTA
-
Nauta destina 3 M€ para a construción dun aparcadoiro para residentes en Portonovo, no soar que adquiriu na rúa San Roque.
-
En 2027 remata a concesión do porto deportivo que o Concello adquiriu en 2002. O goberno conseguiu a ampliación da concesión por 20 anos máis, ata 2047. Esta renovación asegura unha importante fonte de ingresos mediante o alugueiro de locais comerciais, prazas de aparcadoiro, amarres e servizos náuticos. Parte destes recursos reinvestiranse nunha mellora das instalacións e dos espazos públicos, valorada en 15,5 M€.
ÍNSULA
-
464.734 € do orzamento de Ínsula destínanse a vivenda e á urbanización do PEI 17, situado xunto á igrexa de Sanxenxo.
-
700.000 € para a nova sede de Ínsula en Portonovo.
-
900.000 € para a segunda fase da nave multiservizos.
Outras actuacións previstas en 2027, neste caso por parte da Xunta, son a primeira fase da reforma do colexio da Florida, cun investimento de 2,7 M€, e a ampliación do Centro de Saúde de Baltar, valorada en 5,1 M€.