O obxectivo é incentivar o ambiente de Nadal nas rúas e espazos públicos do municipio
Sanxenxo, 10 de novembro de 2026.- O Concello de Sanxenxo convoca a cuarta edición do concurso de iluminación de Nadal Deslumbra co teu Nadal, repartindo un total de 4.000 euros en premios entre comercios, vivendas e zonas veciñais. O prazo de inscrición permanecerá aberto do 23 de novembro ao 9 de decembro, e as decoracións deberán permanecer expostas desde o 11 de decembro ata o 6 de xaneiro de 2027.
A actividade, organizada desde o departamento de Cultura e Eventos, dirixido por Xoán Pérez, e en colaboración con Entretendas CCU, volve apostar este ano por esta iniciativa para incentivar o ambiente de Nadal nas rúas do municipio.
O concurso establece tres categorías:
Establecementos comerciais: Escaparate e fachada
-
1º premio: 1.000 euros
-
2º premio: 750 euros
-
3º premio: 500 euros
Vivendas: Decoración exterior
-
1º premio: 500 euros
-
2º premio: 300 euros
-
3º premio: 200 euros
Rúas, barrios, prazas ou veciñanzas: Decoración da contorna
-
Premio único: 750 euros
O prazo de inscrición abrirase o próximo 23 de novembro ata o 11 de decembro e poderá realizarse a través da sede electrónica do O.A. Terra Sanxenxo ou presencialmente no rexistro do Concello. O xurado valorará a iluminación con ata 10 puntos; a orixinalidade e o deseño con ata 5 puntos; e o fomento dos valores locais, o contido didáctico do proxecto e o coidado do medio ambiente mediante a utilización de materiais ecolóxicos, con ata 3 puntos.
Antes do 19 de decembro, os participantes comprométense a enviar fotos e vídeos dos seus escaparates, establecementos, vivendas… ao correo electrónico Este enderezo de correo está a ser protexido dos robots de correo lixo. Precisa activar o JavaScript para velo., para que poidan ser valorados polo xurado e promocionados nas redes sociais do Concello de Sanxenxo.
O fallo darase a coñecer o 6 de xaneiro durante o Concerto de Reis da Banda de Música de Sanxenxo no Auditorio Emilia Pardo Bazán.