Concello de Sanxenxo - A CAMPAÑA MERCA EN SANXENXO REMATA CON 527 BONOS VENDIDOS NUN TOTAL DE 53 COMERCIOS DO MUNICIPIO
T: 986 72 00 75 - F: 986 72 10 22  | 
Concello de Sanxenxo

Novas

 

Sanxenxo, 10 de novembro de 2026.- A segunda edición da campaña de incentivo ao consumo «Merca en Sanxenxo» rematou cun balance de 527 bonos vendidos e a adhesión de 53 establecementos do municipio. A iniciativa, promovida polo Concello de Sanxenxo, a través do departamento de Economía e Persoal, xestionado por Óscar Vilar, xunto co Centro Comercial Urbano Entretendas, consolida o seu papel como ferramenta de apoio directo tanto ao pequeno comercio como á economía das familias locais.

O programa arrancou o pasado 15 de setembro cunha achega municipal de 20.000 euros e ampliou o seu período de venda ata o 7 de novembro para facilitar o acceso dos veciños e veciñas aos descontos. A través deste sistema, por cada 20 euros achegados polo cliente, o Concello subvencionaba 10 euros adicionais (con paquetes de 30 e 60 euros por persoa), conseguindo que o investimento público repercuta de forma directa nas vendas dos negocios de proximidade. Finalmente, trocáronse 9.670 euros en bonos.

Os 53 comercios participantes abranguen unha variada oferta comercial repartida polo municipio, incluíndo sectores como moda e complementos, calzado, ópticas, librarías, xoguetarías, salóns de peiteado, farmacias e tendas de decoración, entre outros.

Co peche desta segunda convocatoria, o Concello de Sanxenxo e Entretendas reafirman a súa aposta por fidelizar a clientela local e manter a actividade económica do comercio de proximidade fóra dos meses de maior afluencia turística.

0
0
0
s2sdefault