Concello de Sanxenxo - SANXENXO LEVARÁ A FITUR UNHA NOVA GUÍA DE SENDEIROS AZUIS PARA POÑER EN VALOR O SEU PATRIMONIO NATURAL
T: 986 72 00 75 - F: 986 72 10 22  | 
Concello de Sanxenxo

Novas

Xunto con O Grove, presentará a segunda edición da Media Maratón Entre Rías, que se celebrará o vindeiro 18 de maio.

 

Sanxenxo, 20 de xaneiro de 2025.- Sanxenxo levará a próxima semana á Feira Internacional de Turismo (Fitur) unha nova guía de sendeiros azuis en formato papel e descargable mediante código QR. Estará dispoñible para profesionais e público xeral no mostrador co que Sanxenxo contará, por quinto ano consecutivo, no stand de Galicia, debido á súa relevancia a nivel galego e estatal, así como por ser o único Territorio de Actuación Turística Preferente de Galicia.

 

Con esta nova guía, dedicada aos 8 Sendeiros Azuis certificados por ADEAC, así como ao resto de recursos naturais de Sanxenxo, rutas, etc., o goberno local continúa traballando para aumentar as pernoctas fóra das tempadas altas xa consolidadas no municipio, dentro da súa marca comercial “Sanxenxo, 365 días”. A guía en papel complétase cun novo espazo web, no que Turismo de Sanxenxo leva meses traballando, e que xa está dispoñible a través da URL específica: https://guiaturismo.turismodesanxenxo.com (ou tamén desde a web principal www.turismodesanxenxo.com).

 

Ademais, á entrada do pavillón de Fitur instalaranse dous grandes prismas promocionais do destino. Os tótems servirán como escaparate para amosar a variada oferta turística de Sanxenxo. Baixo o lema “Sanxenxo, 365 días diferentes. Cada día, cada fin de semana, cada estación é diferente en Sanxenxo”, o municipio líder no norte de España durante o verán destacará a súa oferta a través de oito imaxes:

A ruta de sendeirismo de Dorrón, evocando a paisaxe verde.

Unha parella de flamengos na lagoa de Rouxique en Vilalonga, destacando o turismo ornitolóxico.

Dous pescadores entre Punta Corveiro e Punta Faxilda, mostrando as posibilidades deportivas e paisaxísticas.

Aparellos de pesca no porto de Portonovo, simbolizando a riqueza gastronómica e a actividade pesqueira.

A regata do campionato de Europa da Clase 6 Metros, como exemplo dos deportes náuticos.

Unha muller gozando dun spa, evocando o turismo de saúde e benestar.

Vistas do Paseo de Silgar iluminado, como referente comercial.

A ermida da Lanzada, icona do patrimonio de Sanxenxo.

 

As imaxes dos tótems e do stand foron cedidas pola Asociación Ollares de Portonovo e o Real Club Náutico de Sanxenxo, que souberon captar a beleza do territorio e as súas posibilidades turísticas.

 

Por último, o xoves 23 de xaneiro, ás 17:10 horas, os alcaldes de Sanxenxo e O Grove presentarán no stand de Galicia a segunda edición da Media Maratón Entre Rías O Grove-Sanxenxo, que terá lugar o vindeiro 18 de maio. O acto será conducido por Terio Carrera e incluirá a proxección dun vídeo promocional sobre o evento deportivo.

0
0
0
s2sdefault